Miguel Mariño. A autora de Ariel e A campá de cristal, a poeta Sylvia Plath, morta aos trinta anos, fixo varios relatos e poemas para cativos, que non viu editados en vida. Agora, “Libros del zorro rojo” publica El libro de las camas, un divertido e imaxinativo poema para nenos, coas ilustracións de Sir Quentin Beake, en tradución de Marcial Souto. Unha fermosa edición boa para as datas de Nadal. O tradutor logra en xeral manter a rima, sen perder a graza do poema, poema que a partir da cama, do leito, xoga coa fantasía coma os nenos, co absurdo, coa vitalidade en 50 estrofas. Sylvia comentou esta obriña no seu Diario, dicíndonos que elixiu dez camas enxeñosas e fixo a obriña sen parar.
O ilustrador, premio H. C. Andersen, é de debuxo limpo, claro, sen barroquismo. Bo libro para ler aos nosos nenos.