Antón Riveiro Coello. Non é a primeira vez que falo aquí de John Banville, o escritor irlandés que se desdobra en Benjamin Black para nos agasallar con novelas negras de calidade protagonizadas polo forense Quirke: O segredo de Christine, O outro nome de Laura, Na procura de April, Morte no verán e Vinganza. Concretamente falaba neste café da última novela negra A loura de ollos negros, protagonizada agora polo mítico detective Philip Marlowe, que volvía medio século despois polo convite expreso que os herdeiros de Raymond Chandler lle fixeron a John Banville, mellor dito, a Benjamin Black, que é o autor da novela. Esta dobre identidade é un xogo que vai máis alá do seudónimo e que intenta diferenciar a ambición da súa narrativa, de moito máis alcance a de John Banville que a de Benjamin Black. Con todo, e para desesperación de moitos lectores do xénero negro, que gustan da velocidade das tramas, as novelas de Benjamin Black tamén están tocadas por unha calidade estética fóra do común e adoita demorarse nas descricións e no desenvolvemento das historias.
John Banville é outra cousa. Libros como O mar, Os infinitos, O intocable, Imposturas, Copérnico, Antiga luz ou Eclipse, que é a novela que hoxe traio ao café, son obras tan contundentes que cada vez o achegan máis ao Premio Nóbel. Méritos non lle faltan. E é que o máis salientable dos seus libros é esa prosa iluminada, fermosa e subxugante que se impón por riba de calquera trama e historia. John Banville usa a lingua cunha finura e unha estética tan alta que te envolve cunha morea de imaxes, metáforas e adxectivos que fan das súas frases un elaborado crisol lírico.
Tal acontece en Eclipse, onde se conta a historia dun actor que, logo de ficar mudo no escenario, procura o acubillo na vella casa familiar, onde pasou parte da súa vida e onde poderá atoparse consigo mesmo. A trama da novela non ten moitas máis cousas, nin demasiados personaxes: unha muller que tamén coquetea co fracaso, unha filla depresiva que hai tempo fuxiu del, o vello veciño que coida da casa coa súa filla adolescente e, sobre todo, as pantasmas que adoitan ocupar algunhas das estancias da casa. O protagonista, Alexander Cleave, vai debullando episodios da súa vida dun xeito un tanto anárquico e a tensión da novela, unha vez máis, non está na trama senón nas propias palabras deses recordos e sensacións que John Banville fía con seda. Sospeito que a moitos lectores este libro lles provocará fastío, estrañamento e mesmo estarán tentados de pechar un libro ateigado de digresións, estilismo retórico e unha indefinición de personaxes que non rematan por se involucrar na historia. Mais, aos amantes da forma e da palabra, farásenos difícil non ter a percepción de que, por tras desta novela aparentemente “aburrida”, hai unha alta lección de literatura. Máis Banville, please!