Xerardo AgraFoxo. Giuseppe Ferrandino era un escritor, nado en Ischia no ano 1958, só coñecido no mundo do comic. A súa primeira novela, Pericle o negro, pasou desapercibida para a crítica italiana especializada cando apareceu no 1993. Pero despois de que a editorial francesa Gallimard a publicara dous anos máis tarde, dentro da Serie Noir, converteuse nun fenómeno literario. A versión galega desta pequena obra mestra –apenas 131 páxinas, que nos ofrece Rinoceronte Editora– é de María Cristina González Piñeiro
Pericle Scalzone é o protagonista desta obra, un mangante que ten como oficio cumprir as ordes que lle traza Lugino Pizza, un mafioso da camorra napolitana. Cunha sibilina eficacia, Pericle –o negro– sempre cumpre cegamente coas misións que lle encomenda o seu xefe, mesmo deixando un selo persoal e ominoso nas súas vítimas. Ata que un día se ve encerellado nunha perigosa acción: darlle o seu merecido a un crego. Pero cando se atopa no seu camiño coa monxa Signorinella, a irmá doutro perigoso mafioso, Ermenegildo Coppola, comete un erro imperdoable.
Malia a sinxeleza da trama argumental, a obra destaca polo seu estilo sobrio e espido, onde o importante son as descricións que realiza o mozo Pericle sobre o mundo da camorra napolitana e as cavilacións nas que se mergulla cando se decata da súas debilidades. Os diálogos rápidos, os breves encontros na súa desesperada fuxida, algúns memorables –coma os tidos con Nastasia, a moza polaca que traballa na fábrica de pneumáticos de Pescara– e as reflexións que lle tradean os miolos, cando o medo toma conta del, son un prodixio de contención e eficacia narrativa.
.