A muller do chatarreiro, de Danis Tanovic

la-mujer-del-chatarrero-cartelAntón Riveiro Coello. O feito de que teña comentado neste café moitas películas interpretadas por xente do corrente, non profesional, non é algo casual. Gusto destas apostas que non precisan dunha produción millonaria para a súa execución e que apenas chegan aos cines, como moito a algún festival. Ás veces xorde a pregunta de se é a propia crise do sector a que empurra a aparición destas películas ou se é simplemente a vontade do director que quere explorar novos mundos e contar unha historia diferente. En A muller do chatarreiro non teño dúbidas de que se trata desta segunda opción, entre outras cousas porque estamos a falar de Danis Tanovic, un director que tivo un éxito fulgurante xa no seu debut con En terra de ninguén, película coa que apañou o Óscar á mellor película estranxeira, o Globo de Ouro e unha chea de premios en distintos festivais internacionais.

A muller do chatarreiro, breve e sinxela, entra na vida cotiá dunha familia xitana de catro membros que sobrevive nalgún lugar nevado de Bosnia-Herzegovina coa recollida da chatarra. Se a historia xa resultaba delicada polas condicións de vida, de súpeto, a nai, Senada, dá en sangrar e dóbrase coas dores do ventre. la mujer del chataVan ao hospital e alí confírmanlles que ela vén de ter un aborto espontáneo polo que é preciso unha urxente intervención cirúrxica. Mais os pobres non teñen cobertura sanitaria e daquela volven á casa, desesperados, coas miras de que Nazif, o marido, poida reunir chatarra dabondo para acadar os cincocentos euros que vai custar a operación.

Este é o punto de partida dunha película intensa que nos lembra algo o cine neorrealista de Rossellini e que pon patas arriba o noso mundo para nos desacougar porque dalgunha maneira nos sentimos culpables. Sabemos que esa realidade está moi preto de nós e nunca facemos dabondo para remediala. Removémonos no sofá e toma conta de nós unha angustia insoportable que case nos afoga, pero que tamén precisamos porque desa desigualdade social todos somos responsables.

la-mujer-del-chatarrero-4É certo que á actuación da muller lle falta esa naturalidade que si amosa o seu marido (Nazif), gañador do premio ao mellor actor no festival de Berlín (a película tamén obtivo o Gran Premio do Xurado), pero pouco importan as interpretacións porque a carne do asunto é outra. Estamos diante dunha película, que podería ser un documental, onde hai en todo o momento un pulso coa verdade, e a terrible peregrinación desta familia expulsada do sistema sanitario público, é un berro descarnado a prol da igualdade e da solidariedade nestes tempos de tantos recortes.

A filmación da película, cámara en man, seica durou só nove días, pero os efectos emocionais durarán moito máis no noso interior porque Danis Tanovic sabe rabuñar na nosa conciencia co escalpelo do sentidos e a emoción. Paga a pena.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *