O arco e a lira

el arco y la liraEme Cartea. Octavio Paz (Ciudad de México, 1914-1998),  unanimemente poeta e ensaísta,  premio Cervantes e Nobel de literatura. Con pegadas modernistas, existencialistas, do surrealismo e orientais, foi xa en vida un clásico contemporáneo. O arco e a lira, 1956 (1967, 2ª edic. aumentada e revisada), prototipo de ensaio poético que, sen ser un canon, si é un claro intento de elaboración dunha poética propia. Un discurso rítmico, suxestivo e paradoxal. Grazas ao seu método ensaístico en espiral, consegue manter presentes na reflexión todos os posibles ángulos de visión, que logra a base de insistencia e iteración.

Neste libro OP repasa a natureza do poema cunha análise dos seus compoñentes: linguaxe, ritmo e imaxe (e o papel da metáfora na mesma). Confronta as experiencias poética e relixiosa, aborda o tema da inspiración, o dicir poético ou a poesía vs.  o poema, entre outras cuestións. Sobre a diferenza entre prosa e verso, dinos: “Valéry comparou a prosa coa marcha e a poesía coa danza”; e engade: “A pedra triúnfa na escultura e humíllase na escaleira”. Clarividencia. Para concluír que a experiencia poética é irredutible a calquera outra.

el arco y la lira 2Un poema é un acto de violencia sobre a linguaxe sometida ao desarraigamento da palabra do seu medio usual –a fala–, e que renace en palabra única, orixinal. Pero tamén é recreación e participación, que se consuma no acto de lectura ou de recitación. Poeta e lector comparten un mesmo momento do poema –o da revelación poética– e unha mesma linguaxe, viva e común, a linguaxe da comunidade.

Poesía como rebeldía; poeta como ser marxinal: “A poesía moderna converteuse no alimento dos desterrados e disidentes do mundo burgués. A unha sociedade escindida corresponde unha poesía en rebelión”. O poeta como fío condutor e transformador da corrente poética que, para ser grande, debe transcender os límites da linguaxe. Poeta xamán, mediador, que tan ben nos evoca nun verso Alejandra Pizarnik: “Hablo con la voz que está detrás de la voz”. A “outredade” no intre de crear.

el arco y la lira 4Poesía como conxunción de razón e irracionalidade, mestizaxe, fusión complementaria de contrarios, onde, como acaece no Amor, a experiencia do “outro” devén experiencia de “unidade”: ausencia e presenza, silencio e palabra, baleiro e plenitude son estados  poético-amorosos. Onde todo é e non é; isto é aquilo.

Poesía como a forma da vida: “O poema é un caracol onde resoa a música do mundo e metros e rimas non son senón correspondencias, ecos, da harmonía universal”. Poesía como “coñecemento, salvación, poder e abandono”.

Escoiten: “Cada lector busca algo no poema. E non é insólito que o encontre: xa o levaba dentro”.

Libro non de agora pero de sempre. Obrigado para todo amante da poesía, sexa autor ou lector. Vasto, poderoso, cativador.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *