Olores, arrecendos e fedores

ArrecendosLaura Gutiérrez. Mentres les este artigo, o teu cerebro procesa e interpreta informa-ción de todo o que acontece ao teu redor, consciente e inconscientemente.  As ondas sonoras fan tremer os tímpanos transfor-mándose en sons audibles; a luz do sol rebota contra o papel e chega ás retinas formando imaxes; as rugosidades do papel excitan os receptores sensorias das xemas dos dedos, transformándose na sensación táctil que experimentas ao soster o xornal. De xeito que os sentidos sitúante no mundo cunha interacción constante e vital.

Dos cinco sentidos clásicos, o olfacto semella o menos importante, pois a imposibilidade de ulir non dificulta levar unha vida normal. Pero non por iso é menos interesante… e complexo.

Só ulimos substancias volátiles e solubles, que entran nas fosas nasais, e se disolven no moco das pituitarias. As células olfactorias estimúlanse en contacto con estas substancias e envían sinais eléctricos ao bulbo olfactorio, que está situado detrás das fosas nasais.

Ata aquí ben, pero… por qué unhas cousas cheiran ben e outras mal? Tomemos como exemplo unha praia das que abundan na nosa comarca. Delas emanan multitude de olores orixinados polos organismos que viven e morren no seu seo e polo propio mar.  Como é que cada cousa ten o seu olor característico e diferente?

Os peixes vivos emiten efluvios de trimetilamina, que lles dá o seu agradable olor característico en fresco.  Para eles esta substancia é fundamental porque reduce a entrada de sal e permítelles manter o equilibrio interno.

Despois dunha treboada é frecuente atopar restos de peixes na area. O fedor dos animais mortos débese á cadaverina, un gas que resulta da descomposición das proteínas, en concreto do aminoácido lisina.

O cheiro a podre das algas que quedan expostas na praia cando baixa a marea, sobre todo se lles dá o sol un momento débese á putrescina, que é un composto derivado do nitróxeno.

Moitos compostos sulfurados e nitroxenados son responsables de malos olores, como o dos ovos podres e a coliflor cocida.

A marusía, o cheiro característico do mar, non se debe ao sal nin ao iodo, como moita xente cre. Tampouco se debe ás algas nin aos peixes. Ao contrario do que se poida pensar, ese olor, que fica apegañado na nosa roupa despois de estar a carón do mar, provén do plancto, a pléiade de microorganismos que, invisibles ao ollo humano, sustentan a vida dos ecosistemas mariños.

Algúns microorganismos do plancto emiten o gas dimetil sulfuro (DMS) que, en baixas concentracións, cheira como a peixe ou a marisco. Este gas, que se produce como resultado da morte e descomposición do plancto, tamén intervén na formación das nubes, sendo determinante para o clima.

A información olfactiva que reciben as fosas nasais pasa ao cerebro en forma de sinais eléctricos. A maioría diríxense ao sistema límbico e ao hipotálamo, rexións moi antigas que tamén almacenan emocións, sentimentos e lembranzas. Só algúns deses olores chegan á codia cerebral e se fan conscientes.

Os olores son poderosos axentes de evocación. Poden traer á nosa mente momentos especiais do pasado que seguramente non chegariamos a percibir conscientemente nin daquela nin agora.

Esta entrada foi publicada en Ciencia, Laura Gutiérrez. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>