A.D. Rodríguez C.

castelao 1X. Ricardo Losada. Non hai cousa que me deprima máis intelectualmente que o recurso ao principio de autoridade. Xa Aristóteles nos preveu contra el hai máis de dous mil anos. Era alumno e amigo de Platón pero chegou a conclusións distintas, e algúns acusárono de traidor. Aristóteles respondeulles: Son amigo de Platón, pero máis amigo da verdade. Curiosamente, os seguidores de Aristóteles durante máis de mil anos antepuxeron a autoridade do mestre á verdade. Cada vez que había unha discusión sobre un tema, deixando de lado argumentos e probas, resolvíase con aquela frase que popularizou o arcipreste de Hita: Aristóteles lo dijo y es cosa verdadera. Aristóteles, que sempre defendera que a ciencia era un traballo de xeracións de seres humanos, foi responsable involuntario da parálise da ciencia durante mil cincocentos anos.

     Dóeme especialmente o uso do principio de autoridade coa figura de Castelao. Nestes últimos meses polemizouse sobre que pensaría hoxe. Non entrarei a valorar o contido da discusión, só direi que intelectualmente foi penosa. Concedamos por un momento que fose posible (que non o é) saber que pensaría hoxe Castelao. Iso non lle daría ningún valor engadido aos argumentos de ninguén.castelao 2 Que a vida de Castelao fose un exemplo de sacrificio e entrega a unha idea (antes que nada, cantas veces se esquece) humanística de Galicia, non aumenta un ápice o grao de certeza das súas afirmacións. Todo recurso a Castelao nese sentido é unha ofensa á súa memoria. Só faltaba que despois de séculos de loita (Castelao incluído) para conseguir que a relixión non interfira na política, agora convertamos a política en relixión. ¿Ou acaso era Castelao un ser omnisciente e infalible, de tal forma que as súas afirmacións valen para todo tempo e lugar? ¿É o Sempre en Galiza a palabra de Deus feita realidade histórica ou un libro imprescindible pero aberto á reflexión e a crítica das novas xeracións de galegos? Parafraseando un debuxo do propio Castelao, hoxe hai moitos homes que traballan de políticos e saben moito de relixión.

     Nun relato marabilloso, O retrato, Castelao conta que foi reclamado por un veciño para que pintase o retrato dun fillo pequeno que estaba a piques de morrer. Pintouno tal cal pero o pai non quedou satisfeito. o retratoEntón Castelao, decatándose da natureza daquela decepción, pintouno como un anxo de retablo barroco, sorrindo. O pai quedou encantado e a quen lle mostraba o cadro dicíalle: “Tiven moitos fillos, pero o máis bonito de todos foi o que me morreu. Velaí está o retrato que non minte”. É o momento de reler con atención ese relato e reparar en que cando Castelao entrega o retrato do neno anxo, sae fuxindo avergonzado. Tamén os galegos actuais que pintan a Castelao como un anxo de retablo deberían sentirse avergonzados. Hai que pintalo como era e, outra cousa moi importante, indicando a data. Non é o mesmo o Castelao de El Barbero municipal que o dos primeiros anos da República, que o dos últimos anos de exilio. Por iso, cando alguén di que Castelao é de todos, desconfío: estao tratando como un Deus. Eu prefiro pensar que era un home, e dicir: Hai Castelaos para todos.

 

Un comentario en “A.D. Rodríguez C.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *