«A Francis Bacon», homenaxe de Ayaso ao pintor irlandés

ayaso
Lenzo homenaxe a Francisco Bacon e a Velázquez

Eme Cartea. Sempre a arte se move nas marxes do abraio e a subversión: un voo sen ás entre o plaxio e a revolta. Así, o século XX, coa aparición do daguerrotipo, das novas linguaxes estéticas e, sobre todo, da persoalísima visión do artista, vai trocar o secular compromiso entre modelo e imaxe por xeitos alternativos de representación do retratado. Para Kafka, a fotografía é ollada superficial que tolda o oculto; só coa axuda do sentimento, máis alá do parecido e da pel, seremos quen de captar a vida debaixo dun rostro. «Todo retrato pintado con sentimento é un retrato do artista, non do modelo», dinos O. Wilde, o profeta.

A Francis Bacon é unha pintura-homenaxe que Manuel Ayaso ofrece ao pintor irlandés. Detrás, a serie obsesiva duns corenta cadros que Francis Bacon fai do Retrato de Inocencio X, de Velázquez (para Taine, «a obra mestra de todos os retratos»), talvez troppo vero pero que capta, in fraganti, a enérxica e receosa psicoloxía do papa. Á súa vez, Cervantes inspírase no modelo papal de Rafael e na técnica de Tiziano. Pura transtextualidade en abismo.

Pero se o retrato perdura no tempo é grazas a unha profunda mutación dramática da súa esencia: a verdade mimética dá paso á verdade enmascarada dos espellos cóncavos, misteriosa por elocuente.

ayasoPara Wilde «unha máscara dinos máis ca un rostro». E un rostro enmascarado? Pois que o importante é só visible aos ollos do corazón. Figuras carcasa con rostros «desfigurados», predica a Nova figuración á que se adscriben in pectore Ayaso e Bacon, e que é estética da crucifixión e alleamento social. Os Inocencios de Bacon e Ayaso son crítica feroz ao poder, carantoña e berro angustioso, alienación e medo. O horror impotente das bocas abertas nas Escaleiras Potemkin de Odesa, ou na fame dun neno.

A animalidade como beleza tráxica, monstruosa, deformada, en permanente metamorfose kafkiana, como saída das gárgolas e capiteis xacobeos. En Ayaso, cada pincelada é un rostro emerxente, de animal ou de anxo caído a saír do humus fantasmagórico da composición.

Vitalistas os dous, fan pintura rebelde contra o esquezo e a morte. Pintura como metáfora do invisible, que trata de aflorar a través do hermetismo da máscara. Bacon é máis racionalista; Ayaso é máis surrealista; os dous son máis expresionistas.

A paleta escura e brillante de Bacon é en Ayaso o negro azulado con toques vermellos, ocres e rotos; os dous herdan a cor «arbitraria» de Van Gogh, contrastada e ricaz, creadora de realidade mais non realista. En ambos os dous as «figuras» interpelan o sistema nervioso, máis ca o cerebro, dende ese primeiro plano herdado da perspectiva teolóxica.

E máis alá da homenaxe e da réplica, os dous reinterpretan alla sua maniera un modelo, a través dun monólogo dialogado entre dúas estéticas: a da ilusión velazqueña e a da sensación do século XX.

Tres obras para a permanencia. Tres Mestres para a historia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *