Carta sobre Charlotte Perkins Gilman

el papel pintadoElisa Lobeira. Amiga, agora que estás a mergullarte en tantas lecturas “femininas” co abraio de quen albisca un mundo novo, un mundo no que as mulleres tamén xogan grazas ás “feministas”, e antes de que vaias chegando a moitas clásicas, quero facerche unha recomendación, un descubrimento que eu fixen serodiamente. Estou a falar de O papel pintado amarelo de Charlotte Perkins Gilman (1860-1935), que agora edita José J. Olañeta na súa colección Centellas. Penso que circula tamén en galego. De base autobiográfica, este relato publicado en 1892, non sen dificultades, é unha magnífica historia, boa literatura, de gran penetración psicolóxica, unha historia de loucura e submisión. Foi texto xa moi polémico cando foi publicado por “The New England Magazine”, tras rexeitalo a máis prestixiosa revista cultural dos EEUU na época “The Atlantic Monthly”. Probablemente por faltarlle unha moralexa, é dicir, elevación moral. Ninguén falou do feminismo na crítica do seu tempo, pero non é difícil supoñer que foi o rexeitamento o ideal de esposa sometida.

Chalotte Perkins Gilman gozou de fama en vida como ensaísta, narradora e poeta. Muller libre, divorciada, pouco maternal, suicida. Un dos grandes valores femininos aínda para hoxe, comparable a Kate Chopin. Hoxe estúdase en todas as facultades que ensinan literatura americana, ata nas galegas. Moveuse a autora nun mundo de intelectuais femininas, pois era cuñada de Harriet Beecher Stowe, a autora d’A cabana do tío Tom e de Catharine, importante ensaísta.

el papel pintado 2A edición de Olañeta complétase cun prólogo de Fernando Ortega e co ensaio da autora Por qué escribí el papel pintado amarillo. A tradución boa, é de Mª Tabuyo e Agustín López. Aproveita, amiga, para leres un clásico do feminismo. Seguro que sairás enriquecida da lectura. Quede para outra carta falar de Kate Chopin, que ben o merece.

P.S.: Ah, esquecíao, se tes ocasión le Herland, unha utopía da autora, que sitúa en Dallas, a terra das mulleres, mulleres que proceden dunha raza partenoxenéticas, sen medo a nada, de linguaxe directa e racional, fonética e cunha relixión de panteísmo maternal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *