Poesía e sangue. Unha experiencia.

A_memoria_da_choiva700pxaltoUxía Casal. Á marxe de sensibilidades, coido que o que buscamos nos libros que lemos é que nos sorprendan dun ou doutro xeito. Tanto ten o xénero ou subxénero que se escolla; o importante é notar ese impacto que, coma un sopapo, nos sacuda e nos encha os sentidos dese pracer que só as palabras poden achegar. Por iso resultoume tan pracenteira a lectura de A memoria da choiva de Pedro Feijoo; xa na primeira parte fun sentindo como me medraba unha especie de euforia exultante por atoparme diante dunha novela negra (á que son moi afeccionada) diferente, aínda que a palabra diferente por si soa non queira dicir demasiado.

      Estamos ante un asasino en serie que lles anuncia ás víctimas a súa morte mediante cadanseu poema de Rosalía, e abofé que estarrece a brutalidade dos crimes baseados nas mágoas da poeta. O que nun principio coidamos dores da alma convértense en dores físicas e reais que baten co seu horror os ollos desta lectora, afeita como está a ler novelas do subxénero, por veces truculentas até a náusea. Pero iso non abonda para sorprender. A orixinalidade de Feijoo por descubrirnos outro xeito de entender os poemas rosalianos (o que implica unha exhaustiva documentación previa, tanto da obra como da vida da poeta), a súa imaxinación, van unidas á calidade literaria, un ritmo axilísimo e un avance da acción que deixan sen alento. pedro feijooA variedade de escenarios e de personaxes, o manexo dos mesmos por parte do autor, a súa caracterización, as súas reflexións…, todo se une nun conxunto que acada o que calquera bo escritor quere conseguir: entreter o lector, procurarlle pracer e deixalo, unha vez rematada a obra, coa necesidade de mirar de novo a foto de quen a fixo posible, se cadra para comprobar que existe de verdade.

      Non é doado atopar novela negra en galego que reúna esas calidades. Pedro Feijoo achou a chave máxica. A miña admiración, señor Feijoo.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *