Unha antoloxía da poesía galega

antoloxía gallega contemporaneaRomán Arén. Non vou descubrir agora o Atlántico dicindo o moito que condicionan a evolución da literatura e a percepción que temos dela os lectores as antoloxías, sobre todo as poéticas. Os que teñan interese neste tema e non queiran complicarse demasiado a vida e o tempo, poden ler Anthologos: Poética de la antología poética (2007) de José Francisco Ruiz Casanova e, para o caso galego,  As antoloxías de poesía en Galicia e Cataluña. Representación poética e ficción lóxica (2004) de Mª do Cebreiro Rábade Villar.

Remexendo na miña biblioteca en busca dunha novela que quería reler, cáeme (literalmente) nas mans a Antología de la poesía gallega contemporánea  (1959) de Ramón González Alegre, o fundador da revista <Alba>, poeta en galego e castelán (mellor nesta última lingua), interesante dramaturgo católico e existencialista, autor de ensaios e libros de viaxes.

Ramón González Alegre
Ramón González Alegre

Esta antoloxía que o berciano González Alegre fixo para Rialp, na famosa colección Adonais, inclúe trinta e tres poetas e só sorprende a presenza de dúas figuras menores (Alfonso Alcaraz, non mal poeta en castelán e Pardo Esperanza, que tampouco desmerece doutras figuras menores). Trinta homes e tres mulleres (Pura Vázquez, Luz Pozo Garza e Mª do Carmo Kruckenberg), estas no apartado “Los poetas femeninos”. Só inclúe poetas en lingua galega e ofrece os textos en edición bilingüe, con tradución do antólogo.

Comeza con Amado Carballo e chega a Méndez Ferrín, o máis novo. Clasifica os autores en tres grupos: os nacidos entre 1900 e 1914 (a xeración do 22 e parte do 36), os nados de 1914 a 1930 (xeración do 36 e Promoción de Enlace) e os nacidos dende 1930 (que Ferrín chamou Xeración das Festas Minervais). Inclúe a Díaz Castro, o que me fai supor que coñece a antoloxía publicada por Fernández del Riego en 1955. Despois da guerra foi esa a antoloxía canónica, aínda que tamén Varela Jácome publicara unha antoloxía máis ampla en 1953, Poetas gallegos. Las mejores poesías.

Inclúe, a antoloxía de Alegre, unha introdución que comeza afirmando que as bases non superadas aínda da nosa poesía son os cancioneiros medievais e Rosalía de Castro. Segue cunha visión positiva e idílica de Galicia, e sinala como características da nosa lírica a imaxinación expresiva e a paisaxe propia. Non faltan as citas ao cultivo do castelán por parte de poetas galegos ( J. Bautista Andrade, Rolán, Rey Soto, etc.), pero “por tradición y por vínculo natural será poeta gallego aquél que utiliza solamente el idioma de Galicia”.

fardelNa antoloxía están presentes poetas da emigración (Blanco Amor, M. Prieto Marcos, Emilio Pita), pero tamén un exiliado, Lorenzo Varela. Falta, iso si, Luís Seoane, quen xa publicara Fardel do eisilado (1952), Na brétema, Sant-Iago (1956) e As cicatrices (1957). Do Barbanza: Manuel Antonio, Manuel Fabeiro Gómez e Faustino Rey Romero. Quizais puidese ter incluído a Delgado Gurriarán ou Eliseo Alonso, pero outros poetas importantes aínda non publicaran libros até despois de 1959 (en 1958 asina a introdución). Da xeración de Ferrín só publicaran os xa incluídos, Fernández Ferreiro (Ribeirana do Sil, 1952) e Avilés (a separata As moradías do vento). Nada do esencial falta (sendo estrito, Manuel L. Acuña). Non é pouco mérito.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *