O club Meaulnes, 100 anos sen Alain-Fournier

fournier 1Román Arén. Club bastante numeroso, os amigos de Alain-Fournier deberían caracterizarse pola transversalidade: burgueses e proletarios, franceses e foráneos, vangardistas e tradicionais. Adquiriu o seu nome literario en 1907, pois en realidade era Henri-Alban Fournier, e nacera en outubro de 1886, fillo de mestres. Criouse en Épineul-le-Fleuriel, terra de lameiras e castelos, a súa marcha a París foi un drama para o adolescente que era, e nunca logrou ser admitido na Escola Normal Superior, onde estuda a elite francesa, pero no liceo Lakanal coñeceu a Jacques Rivière, un dos grandes críticos (con Paulham, Bos e Crémieux) do seu tempo. En 1905 coñeceu a Yvonne de Quiévrecourt, o amor da súa vida, e dese episodio, sumado ao odio a París, xorde Le Grand Meaulnes, que comezou a escribir en 1909 e que publicou en La Nouvelle Revue Française en 1913. Non logrou casar con Yvonne, perdeu o Premio Goncourt, pero logrou unha das grandes novelas de iniciación, unha rara mestura e elexía e soño.

alain fournierUn 22 de setembro de 1914 desapareceu preto de Verdún, no comezo da Gran Guerra (como Péguy). Morreu fusilado polos alemáns. Era tenente de infantaría do 288º rexemento. Tras a II Guerra Mundial creouse a Sociedade de Amigos de Alain Fournier e tentou buscar o seu corpo nos boscos de Saint-Rémy. Pero en novembro de 1991 apareceu a fosa na que estaba soterrado con outros 20 cadáveres. Foi recoñecido polos galóns e os datos antropométricos que conservaba o Exército francés.

O protagonista da novela, Meaulnes, é unha das figuras máis singulares da narrativa francesa, o ideal da lealdade e da amizade, a resistencia á fatalidade. O narrador é o seu compañeiro de clase, François Seurel. Amizade, perda, amor, temas eternos que dominan a novela. Unha atmosfera de misterio e saudade.

En galego, en tradución de Camiño Noia, editouse en Xerais, na colección Xabarín, con pouco éxito. Recuperouna logo a editorial Morgante, na mesma tradución.

En castelán ten varias edicións, a máis académica a de Cátedra.

En colección xuvenil circula en Anaya, con tradución de Claudio Galindo e presentación de Muñoz Puelles.

Quizais o máis logrado da obra sexa a mestura de relato iniciático (partida, espera, abandono, perda) e o ton crepuscular, simbolista elexíaco.

claudine-en-la-escuelaInsírese nunha gran tradición francesa da novela de adolescencia, con antecedentes no XIX (Rénard) e que Colette segue en Claudine na escola (1900), pasando por Fermina Márquez (1911) de Larbaud, pasando por Fournier, para abranguer un espectro amplo nos anos 20, onde destacan O demo no corpo (1923) de Radiguet e Os nenos terribles (1929) de Cocteau, pero con outras obras de calidade: O primeiro da clase (1921) de Crémieux, A adolescencia inqueda (1921) de Chardonne, A vida inqueda (1920) de Jacques Lacretelle, Os praceres e os xogos (1922) de Duhamel, A illa rosa (1929) de Vildrac, Dezaoito anos (1929) de Prévost, Alma escura (1929) de Rops ou Maman Petit-Doigt (1922) de Francis Carco, sen esquecer a pequena obra mestra e algo brutal A guerra dos botóns de Louis Pergaud, outra vítima da Gran Guerra que cumpre un século neste 2014. A tradición da novela iniciática xa non ha parar e nos trinta destacará Arland para dar en 1945 O principiño de Saint-Exupéry.

Se, como Rilke dicía, o paraíso perdido, a patria real do home, está na infancia, estas novelas permiten gozar do paraíso (ou do inferno) dos outros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *