Poesía de antes escrita mañá nun libro singular

boca de gárgolaEme Cartea. Un libro singular (poesía, fotografía e análise xornalística) sobre fondo compostelán. Observación, documentación e vivencia dunha cidade que é aldea global e referencia cultural. Tres voces para un coro que, a pesar dos contrastes, soa afinado. Unha longa metáfora polisémica e intimista. Unha biblia didáctica en pedra que nos puíu emocionalmente.

Poesía senlleira e profunda, luxuriante e intensa. Poesía cuberta por sete veos que un lector seducido, vai «desvelando» entre a aparencia e a tensión do invisible, ata que o matiz se desprega nun novo poema.

Pero é tamén diálogo entre o que se le e se ve, confluencia de texto e imaxes, amais dunha metamorfose do espazo poético que vén da sonora espacialización d?Unha tirada de dados mallarmeá, e que en Reverdy prefigura xa o cubismo. Así, en Mariña os espazos en branco participan no ritmo e lectura do poema, e tradúcense nesa ausencia de aliñamento, na segmentación e rotura, nos xogos nesgados e libres do verso. Plasticidade formal e movemento. Tamén espazo propicio á reflexión. Das areas vitais do Vilar ao alto cristal da Curota. Mariña e canto. Poesía de antes escrita mañá.

«Boca de gárgola»

Mariña Pérez Rei

Editorial Círculo Rojo (2014). 80 páxinas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *