Ollada camariñana

Foto: Sole
Foto: Sole

Xosé Manuel Lobato. Ondas carpideiras acadan máxima fluorescencia na nocturnidade, o seu bater fronte aos cantís da punta Costado é unha auténtica ardentía de penosos acordes.

Marusía de branco reverberar, amenizada polo insistente carpir, unha lamentación constante nunha loita secular do mar aos pés do altar.

Ara natural formada pola punta Castelo, acollida e mimada polo templo natural do monte Farelo. Aquí, neste emblemático lugar, a devoción do visual adquire compenetración e fusión coa realidade dun espectáculo embriagador nun constante episodio anovador.

Ar que sopra e asubía con insistencia, a súa constancia consegue captar en exclusividade máxima atención dos sentidos, o lugar achega sensacións contraditorias, un gran contraste e radical diferenza, entre a enxeñería da natureza e algunhas das grandes chapuzas humanas.

Cantís, furnas, areais, dunas, illas, laxes, pedras,… todos eles perfectamente identificables e formando un conxunto irreverente, mais moi harmónico.

Na banda oposta unha avinza esnaquizada, destruída sen consenso nin argumentos lóxicos, estas actuacións non deixan indiferente a ninguén, pois aquí dende hai tempo moran dous intrusos, amosan unha face de inconsciente ledicia, ambos conseguiron un oco de privilexio, coa forza da inxustiza e fronte ás leis naturais que existen de sempre.

ollada camariñana 2A camariña, un poboador da contorna en perigo de extinción, soporta o roncar enfermizo e xordo dos papa ventos que sobresaen sobre o cabo Vilán, tamén a visión dunha marea branca vogando sen desmaio fronte a granxa dos planos.

Outro dos grandes prexudicados, un cabo fermoso e de sofisticada figura, dos máis emblemáticos da costa galega, o Vilán na actualidade permanece absolutamente encadeado, non se coñecen as súas actuacións delituosas para soportar unha pena tan cruel.

ollada camariñana3Nas súas costas, xigantescos captadores de ventos do quixote adiñeirado e, nos seus pés unha fábrica de peixes dos insaciables viquingos. Dunas da praia do Trece e o fastoso monte Branco tamén coñecen os efectos nocivos de tan desagradable veciñanza.

As rogativas e pregarias continúan, a virxe do Monte está a clamar axuda á irmá da Barca, as dúas teñen labor abondoso, mais a súa encomenda de protexer de novas incursións e tentar expulsar da zona a todo asentamento que rache co consenso da natura, non parece doada tan destacable labor neste tempos de conquista, pois as esmolas do capital mesmo logran que preguen de xeonllos os que se consideran emperadores.

 

 

2 comentarios en “Ollada camariñana

  1. O tramo da Costa da Morte que refires, entre Cabo Vilán e o pobo de Arou constitúe, sen dúbida, unha das paisaxes máis fermosas da costa galega. O cinismo e dobre linguaxe da administración galega ponse aquí claramente de manifesto: Lei de costas, Lei de protección da paisaxe, sustentabilidade,…..etc. Un agresivo parque eólico (creo que dos primeiros que se levantou na costa galega), xunto cunha mega piscifactoría moito máis recente, simbolizan o desprezo que os poderes públicos de Galicia teñen ao territorio. Son os criterios de rendibilidade económica os que priman sobre todo o demais. O territorio ao servicio do gran capital. Noraboa polo artigo.

    1. Prezado Pedro, este é o enésimo artigo que escribo e publico sobre esta zona que considero unha alfaia natural. O meu obxectivo sempre foi que se coñeza unha paraxe sen par e tamén a escasa sensibilidade dos poderes públicos pola conservación do noso patrimonio natural.
      Este é un dos moitos exemplos que nos encontramos en Galicia do desprezo e ataque irracional para o noso medio natural.
      Grazas polo teu comentario tan atinado

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *