Mark Strand

mark strand 1Miguel Mariño. Morto en 2014, o poeta norteamericano Mark Strand (1934), que vivira varios anos en Madrid, ata que en 2013 volveu a New York por mor da enfermidade. Pintor de mérito, tradutor, nacera en realidade na illa do príncipe Eduardo en Canadá e comezou a ser recoñecido como poeta nos anos setenta. Pulitzer en 1999 e poeta laureado de EEUU. Ademais de ensaios, traducións e libros infantís, deixou doce libros de poesía, unha poesía a súa que el mesmo definía como “o eu, o borde do eu e o borde do mundo”. Foi un poeta moi persoal, o poeta da morte, do baleiro, da ausencia, pero aberto ao mundo. Ángel Rupérez definía a súa poesía como a dunha existencia fráxil e efémera, sempre preto do baleiro, chea de incertezas, nunha obra que, no fundamental, vai de 1968 a 2012. Pero esa poesía da ausencia deixaba sitio para a iluminación ante a natureza. A súa editorial en España foi Visor e nesta editorial releo agora Tormenta de uno (2009), en tradución de Dámaso López García, quen sinala a inscrición, malia a sinxeleza expresiva, nunha tradición que vai de Whitman a Wallace Stevens. Unha poesía que neste volume, aparecido en inglés en 1998, manifesta claramente un dos riscos da súa poética, o temor, intuído, á malignidade do mundo (“tremerán cubrirannos ondas de fría, innecesaria / sombría escuridade”). Ás veces é un poeta do deshabitado, da estrañeza ante a paisaxe. Un gran poeta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *