Cuestión de gusto

Todo lo que hay_300_CMYKAntón Riveiro Coello. Unha das sortes que ten a literatura é que non está afeita ás leis e aos dogmas e por iso os gustos, as filias e as fobias van por bandos moi diversos. Digo isto, porque nestes últimos anos, algúns amigos xuntámonos ao redor dun café e compartimos libros, películas e opinións varias sobre a cultura e chegamos á conclusión de que non coincidimos na apreciación dalgunhas obras. Non hai moito eu recomendaba aquí unha novela que para min é excelente (Sukkand Island de David Vann), e houbo dous lectores amigos que me reprocharon a recomendación porque se lles fixo difícil rematala. Non obstante, a outros dous encantoulles e agradecéronme a descuberta. O curioso é que os catro son excelentes lectores, pero todo é cuestión de gusto e de ollada, penso eu. O que si teño claro é que nestes cafés falamos sen prexuízos e intentamos ser sinceros. Mesmo somos quen de lle tirar a pel a un premio Nóbel, se fai falla. Estes días veño de rematar unha novela que vén amparada pola crítica e pola sona serodia dun autor ben interesante como é James Salter. Se lle fixese caso a un destes amigos, non a tería lido, pero eu quixen probar, como xa fixera con obras anteriores deste autor que, se ben gustei delas, non me entusiasmaron con esa euforia que algúns amosaron de xeito desmedido. En fin Todo lo que hay non me gustou alá moito, así de simple. E aínda que recoñezo o estilo depurado, limpo e conciso do autor, que é quen de construír fermosas imaxes con frases curtas, non fun quen de conectar con Bowman, o protagonista, un editor cunha vida de éxito profesional e un fracaso constante na súas relacións sentimentais.dorabrudercouverture1 Hai algo frío no libro que non tira do meu interese, talvez esa entrada e saída constante de personaxes que non duran nin unha páxina. Non o sei. Algo semellante acontece con Patrick Modiano, de quen catei case todos os libros, pero só fun quen de rematar catro, polo que me parece excesiva a concesión do Nóbel habendo outros autores franceses que, ao meu ver, eran tanto ou máis merecentes ca el, como é o caso de Pierre Michon ou Pasqual Quignard, dos que gusto máis. En fin, que me arrepinto de non lle facer caso ao amigo que non me recomendaba a lectura de Todo lo que hay, pero despois do dito, talvez os outros amigos que non gustaron do Sukkand Island poidan gozar da última, e quen sabe se derradeira, novela de James Salter. Cuestión de gusto. Éche todo o que hai.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *