Monumentos de tinta V. Os nosos nomes

diccionario-galego-dos-nomesRomán Arén. Ben sabemos como é Galicia, o noso complexo e o desprezo polo que é de noso, e no eido da onomástica non vai ser diferente: apelidos aínda castelanizados, e pracer en lles pór a nenos e nenas Vanessa, Byron, Braian, Jessica, Saray, Aitor, Iker, Catherine, Cristián ou Óliver. Certo que aínda se poñen nomes galegos: Brais, Breixo, Roi, Nuno, Martiño… outros buscan un vieiro intermedio: Roberto, Mateo, Matías…

Xosé Feixó Cid é filólogo que ten moitos traballos gramaticais e lexicográficos: Iniciación ó galego (1993), Diccionario da lingua galega (1986), Diccionario práctico galego-castelán.castelán-galego (1988) ou Diccionario escolar galego-castelán castelán-galego (1989), pero eu quero recomendar o seu Dicionario galego dos nomes (Xerais, 2003), un cumprido volume onde están os nosos e os outros, en fichas organizadas así:

-Correspondencias (español, castelán, éuscaro, francés e italiano. Hipocorísticos.

-Orixe.

-Significado.

-Onomástica.

-Referencias.

Por el circulan Pexerto, Nelson, Ester, Covade, Cloe… A isto engade os santos patróns, o santoral diario, os hipocorísticos frecuentes, un índice onomástico de nomes noutras linguas e remata co apartado de “Cómo galeguizar nomes e apelidos”. Oitocentas viente e cinco páxinas nas que se aprenden cousas, que se poden contrastar coa obra de Ferrín (é o caso de “Antía”). E así Feixó apréndeme que Román é de orixe latina (xentilicio de Roma), aínda que puido confluír co antropónimo árabe Rummán, que houbo tres santos dese nome: San Román no século III, soldado; outro diácono, do mesmo século, pero turco, e outro abade no século V. Engado eu que é tamén apelido apousentado en Galicia. diccionario dos nomes galegosEu levo o nome por meu padriño, de Santa María do Xobre, e el celebraba a onomástica o 28 de febreiro, é dicir, polo San Román Abade, quen morreu en 460. Os portugueses escriben Romao e os franceses Romain.

Foi así para centos de nomes, dos máis usuais aos máis raros: Haroldo, Laura, Maeloc, Miguel, Melquisedec, Xerxelina, Xerardo ou Xeraldo, Viliulfo, Bruno…

Utilidade, amenidade, curiosidade.

Engado que existe tamén en galego outro Diccionario dos nomes galegos na editorial Ir Indo (1992) da filóloga da Pobra, con outros autores, Ana Isabel Boullón Agrelo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *