Autóctonos contra emigrantes

suiza 1X. Ricardo Losada. X é un vello amigo de infancia que emigrou con éxito a Suíza a mediados dos oitenta. Pasa as vacacións de verán en Rianxo desde hai quince anos e sempre quedamos para tomar un café. Aprendín con el máis sobre a relación entre a Europa do norte e a Europa do sur que lendo a prensa. Sobre todo coa evolución das nosas conversas. Antes da crise practicamente non falabamos de Rianxo. El, que sempre levaba a voz cantante, só me falaba do ben que vivía en Suíza e o país marabilloso que era. Eu seguíalle a corrente, aínda que me parecía sospeitoso que rexeitara falar do gran salto económico que tivera Rianxo desde que marchara. Grandes casas, grandes coches, grandes auditorios e paseos marítimos e piscinas, grandes festas, non lle merecían ningún comentario. Eu non lle sacaba o tema porque axiña me decatei da razón do seu silencio. O éxito económico de veciños e amigos facíao sentir un fracasado. Non era só que marchara dun país que estaba a piques de ser riquísimo, senón que marchara dun país que ía ser riquísimo traballando pouco e (comprobábao cada verán) indo de festa máis que nunca. Por riba, os veciños e amigos, que de considerados tiñan pouco, refregábanlle o éxito pola cara. El aguantaba impasible aquela soberbia con ganas de dicir: Imposible, aquí hai algo que non encaixa! Non se pode pasar da pobreza á riqueza da noite para a mañá. Eu necesitei moitos anos de traballo e renuncias.  

suiza 2     Desde que xurdiu a crise cambiou moito o conto, e X só me fala dos problemas económicos de Rianxo. Xa el sabía que había gato encerrado, e recórdame que en Europa non hai a nosa obsesión por ter casa en propiedade, que os tipos de interese predominantes son fixos e non variables, que ninguén pide hipotecas a 50 anos, que a inversión pública faise con criterios racionais e non por envexa das vilas veciñas, que os europeos do Norte asumen a súa responsabilidade nos fracasos, e que esa queixa continua que oe agora nos bares de Rianxo non é máis que unha forma de soberbia: “Cando Alemaña vos regalaba cartos a mans cheas non vos importaba que mandase Merkel, agora disque non vos deixa ser soberanos”. X non é mala persoa, nin disfruta máis co mal alleo que co ben propio, pero eu sei que non pode evitar aledarse do estoupido da burbulla inmobiliaria. white trashEn EEUU fálase de forma pexorativa dunha clase social chamada white trash (lixo branco) formada por brancos pobres de solemnidade. Ao parecer, adoitan ser racistas porque o único que estimula a súa autoestima é a superioridade sobre os negros. Salvando as enormes distancias (que o lector saberá deducir), pode que a este emigrante amigo meu lle pase algo parecido. En Suíza pertence ás capas inferiores da sociedade. O único que podía elevar a súa autoestima era sentirse superior aos amigos e veciños que quedamos en Rianxo, e imaxinar que cando fose vello e volvese vivir aquí podería refregarnos pola cara que el cobraba por Suíza unha pensión moito máis alta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *