Regreso del indiano (1916), de Castelao

esperanzaEsperanza Mariño Davila. De Castelao non debe esquecerse o fortísimo vencello barbancés tamén a nivel pictórico. Aquel mociño esguío de catorce anos, chegado da Pampa en 1900, axiña vai recibir na Pobra clases de debuxo da profesora María Dios. No cuadrienio 1916-1920 o rianxeiro atravesa un período “nacionalista”, onde procura captar a esencia galega. Dúas soberbias obras desta época comparten ano e características técnicas; trátase dos óleos El emigrante e Regreso del indiano. Non quedaba outra: a emigración, drama colectivo do seu pobo vivido en propia carne, constitúe unha preocupación fundamental. Fronte ao desacougo da despedida do primeiro cadro, do vencido de antemán (lembremos aquelas realistas verbas súas, espello da tradicional mansedume: “En Galiza non se pide nada. Emígrase.”), o segundo presenta o triunfo en oposición á maioría fracasada.

O indiano ou “americano” afortunado viste á usanza do trópico contravindo a estatística, pois a Arxentina supoñía o acubillo xeneralizado. Como debuxo e letra se complementan, velaí un fragmento de Cousas (1926): Chegóu das Américas un home rico e trouxo consigo un negriño cubano, coma quen trai unha mona, un papagaio, un fonógrafo… O negriño (…) sintéu, como tódolos mozos da aldea, os anceios de emigrar. (…) Panchito retornóu á aldea. Chegou probe e endeble; pero trouxo moita fartura no corazón. Tamén trouxo un sombreiro de palla e máis un traxe branco…

Outra vez, para o artista, a imaxe nace antes que a letra. Non por casualidade o sólido e riseiro indiano, con vestimenta clara e mais un papagaio pendurado da man, ocupe a parte central do cadro en forte contraste co encolleito paisano ao seu carón, vestido con roupa escura e de paraugas na man (a ostensible riqueza, posta de manifesto nese reloxo de ouro, choca co humilde atavío). Detrás, unha riola da admirada á vez que subxugada veciñanza de cabeza gacha, a modo de procesión, precedida por un home robusto que transporta pola corredoira, costa arriba, o inmenso e pesadísimo baúl coas pertenzas do triunfador. Un personaxe singular vén sendo o rapaciño que axexa tras o valado de pedra, reflexionando. (Castelao concedía grande importancia á educación da mocidade, de aí que lle dedicase Os dous de sempre (1934), coa súa nidia ensinanza).

A caracterización da paisaxe é perfecta. Trátase dunha aldea calquera das Rías Baixas, co mar calmo e as montañas de fondo. Vense casas espalladas na distancia. O verdor intenso da vexetación mestúrase coa débil cor da herba; os piñeiros, omnipresentes, filtran un azul esbrancuxado, inzado de bruma. Esa luz nórdica xa reflectida por Patinir e outros pintores do Norte alcanza o seu máximo virtuosismo xusto neste cadro. E xa para rematarmos, fóra lerias. Nada coma unha lúcida reflexión de Castelao sobre a importancia da paisaxe: podo decirvos que o pouco que valo, débollo a estar deitado n´os piñales, deixando qu´a Natureza entrase dentro de min. 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *