Miguel Mariño. “Antonio Machado libros” é unha distribuidora española que tamén edita libros, e na súa colección de Pensamento, onde hai “cousas” de Cacciari, Stendhal e Martínez Marzoa, está tamén o Diccionario del Dandi de Giuseppe Scaraffia (1959), investigador en La Sapienza de Roma e autor de interesantes obras sobre A muller fatal, Mitos menores e Os derradeiros dandis.
O prefacio da obra establece os riscos característicos do dandi, “demasiado tarde”, o inimigo da sociedade de masas, aquel que se dedica a facer de si mesmo unha obra de arte, algo único, que evite a vulgaridade e tamén o snobismo. É un mártir do luxo, un opositor, un “antimoderno” que non é un reaccionario, un ambiguo. Un home ante o espello, como quería Baudelaire. Pero tamén un dandismo do pobre, do descoido, do invisible.
Fai logo Scaraffia unha “Xenealoxía do dandi”, quizais algo ás présas, do gran Brummell e de Byron, pasando por Musset e Lord Seymour, por Disraeli e Bulwer, para ir a Barbey d’Aurevilly e Alfred d’Orsay, e incluíndo a Balzac, Dickens, Gautier, Baudelaire, Whistler, Wilde, Beardsley, e sen esquecer o divertido Max Beerbohm ou a Montesquiou, até chegar a Vache, D’Annunzio, Rigaut, Drieu de la Rochelle e Gozzano. Veñen logo as voces do dicionario, de Animal a Vulgar, aínda que un desexaría que se estendese con máis detalle en Espello e Escritura.
Enxeño, lixeireza moi italiana, axilidade na expresión das ideas e certo gusto polo paradoxo. O dandi exprésase non só na literatura ou na arte, faino sobre todo a través de si, amosa a súa especificidade polo vestiario, todo a través de todo.