Mariñeiros de retablo barroco

Delmi Álvarez. La voz de Galicia
Delmi Álvarez. La voz de Galicia

X. Ricardo Losada. Non recordo quen dicía que mentres non teñamos unha masa fiable de cidadáns, nunca teremos uns políticos fiables, pero é o lema que debería guiarnos, e non nos guía. Por iso observo con preocupación todos eses movementos cidadáns que xurdiron en Europa nos últimos anos. Lonxe de intentar crear esa masa fiable de cidadáns, afondan nunha visión do pobo sectaria, paternalista e idealizadora. O pobo queda á marxe de toda responsabilidade pois sempre buscou o ben común e tararí tarará. É fácil desmontar ese sofisma. Os políticos chámanlle pobo a quen pensa coma eles. Se o pobo se manifesta a favor do aborto, a manifestación carece de lexitimidade para os que están en contra; e viceversa. Se ese pobo que ten unha sabedoría milenaria que hai que preservar, vota ao partido contrario, de súpeto é parvo: non sabe o que lle convén… Joder, diría un australopithecus, con esa esixencia intelectual, eu tería hoxe máis posibilidades de chegar a presidente do goberno que o mesmísimo e tan loado Sócrates (o filósofo grego, por suposto, non o político homínido portugués).

Faro de Vigo
Faro de Vigo

     Estes días hai unha xustísima reivindicación dos xeiteiros de Rianxo fronte á Comunidade Europea. Se un escoita as declaracións de políticos e intelectuais, atoparase cunha lírica idealización deses xeiteiros. Pero se un fala cos amigos mariñeiros de toda a vida, o lirismo desaparece. Cóntanche historias de corrupción moi similares ás que hai en todos os sectores produtivos e financeiros, públicos e privados, do país. Vender fóra da lonxa, diñeiro negro, pescar en épocas de veda, e tamaños prohibidos, defraudar a Facenda… Por iso a min non me sorprendeu que moitos mariñeiros e bateeiros que foron á primeira manifestación do Prestige abandonaran as reivindicacións en canto recibiron diñeiro fresco de subvencións públicas. E non me sorprendeu porque tiven toda a vida amigos mariñeiros e sei que non son nin mellores nin peores que os burgueses. Son seres humanos, con virtudes e defectos que adaptan a unhas circunstancias que, por seren máis duras e inxustas, agudizan eses defectos. Como dixo alguén, e é de sentido común, non hai quen pense máis nos cartos que os pobres.

     Xa que logo, mentres non consigamos esa masa fiable de cidadáns que alumeará unha nova política, podo comprender que os políticos actuais adopten unha postura paternalista sobre as clases desfavorecidas, sempre que teñan claro que así non van reducir a corrupción. Ao fin e ao cabo, no mundo real, para conseguir que os máis débiles superen as inxustizas que padecen, hai que loitar coas armas máis eficaces, que non adoitan ser as éticas. Pero nunca comprenderei que os intelectuais caian nese xogo. Se un intelectual ten algunha razón de ser é a de axudar a crear unha masa fiable de cidadáns, e a única forma de conseguilo non é dourarlles a pílula con líricos epítetos, senón enfrontalos á súa verdadeira identidade, sexa a que sexa. OLYMPUS DIGITAL CAMERATédeo claro. Cando alguén idealiza o pobo non é porque o ame senón porque quere que o pobo o ame a el, en forma de votos ou de compra de libros. Eu mesmo, se buscase aplausos fáciles, en vez de escribir este artigo, escribiría outro, cheo de pirotecnia ecolóxica, sobre a miña experiencia no xeito. Fun pescar varias veces no barco de Pancho, un dos meus mellores amigos, que morreu no naufraxio do Zafir e que aínda segue no fondo do Mar Xónico. Imaxinade o partido poético que lle podía sacar. Pero, por amor a Pancho, direi a verdade. Eu e outros amigos iamos ao xeito no seu barco á abarrotada praia de Tanxil para que algunhas burguesitas madrileñas, ávidas de experiencias xenuínas cun pobo idealizado pola Transición, nos pedisen pescar con nós. E nós, máis que sardiñas, pescabámolas a elas.

 

2 comentarios en “Mariñeiros de retablo barroco

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *