Acariciar o moneco

moneco 1X. Ricardo Losada. Nun artigo anterior publicado neste mesmo blog falei dun curioso caso que lle oín á divulgadora científica Mary Roach. Un médico viu nunha ecografía como un neno se masturbaba no útero materno. Un lector, bastante puritano, por certo, afeoume o artigo. Coa cantidade de cousas edificantes sobre as que se pode escribir, facelo sobre unha ecografía como aquela só revelaba a depravación da miña mente. El visitara en Youtube ese vídeo que eu citara, e había que ter moita imaxinación, imaxinación depravada, aclarou, para ver naquela ecografía unha manuela. Non lle estrañaba que, con profesores coma min, se chegasen a organizar en España cursos oficiais para ensinarlles aos púberes a masturbarse, cando o noso obxectivo debería ser mostrarlles que eses cursos son o síntoma máis evidente da depravación á que chegou unha sociedade sen valores.

     Non vou gastar un minuto en defenderme de semellante acusación. Só direi que cando eu era pequeno, tipos tan puritanos como ese lector, dixéronme que, se me masturbaba, quedaría cego, e aínda que fun perdendo vista cos anos, o oculista nunca me pregunta polos meus hábitos sexuais máis íntimos. Ao contrario. Sempre tiven o apoio dos científicos, tanto naturais como sociais, premios nobel incluídos, para darlle á manivela, xa que mellora a saúde física e psíquica, e, por conseguinte, redúcelle gastos á Seguridade Social e axuda a manter o Estado de benestar. Que reflexione sobre ese particular o lector indignado se aínda non ten garantida unha pensión digna.

moneco 2 Pero o que non podo permitir baixo ningún concepto é que a ese nasciturus autocompracente lle chame depravado. Primeiro, porque, como quedou dito, ningún científico actual considera masturbarse unha depravación. Segundo, porque aínda que o fose, non podería aplicárselle a ese infante. Man e pene uníronse nese útero materno non por unha decisión soberana da criatura, senón do sistema nervioso autónomo, responsable de accións, como o ritmo cardíaco, que non controlamos conscientemente. Se por unha taquicardia non podemos deducir que o nasciturus decidiu facer deporte e criticalo por pensar máis no corpo que na alma, e se por unha braquicardia tampouco podemos deducir que optou pola meditación budista e criticalo por renunciar á relixión dos pais, por saudar ao ciclope, como din os pereros máis líricos, tampouco podemos deducir que optou pola concupiscencia e cuestionar a súa moralidade por un acto do que, ao fin e ao cabo, non é responsable. Así que, a ver se vai resultar que o depravado non é o nasciturus, senón o lector puritano. Porque, tendo en conta que a esa tenra idade, como din os máis eminentes bioéticos, latexar e exacular, por ser actos involuntarios, son moralmente equivalentes, se prohibimos exacular tamén deberíamos prohibir latexar, e prohibir latexar, sábeo calquera, supón a morte. Logo parece claro. Prohibindo masturbarse, estariamos promovendo o aborto. O depravado aborto, que diría ese lector puritano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *