Outra idea de Galicia, de Miguel-Anxo Murado


outra ideaX. Ricardo Losada.
Este libro foi escrito para explicarlles Galicia aos non-galegos, pero aos galegos serviranos, como di o propio Murado, para ver, a partir dos prexuízos dos foráneos, os que nós mesmos temos. Entre outros, que somos un país sen historia, pouco atlántico, cunha paisaxe virxinal, conxenitamente conservador e atrasado, que fala unha lingua de pobres e poetas. Mitos que Murado desmonta para ofrecernos unha teoría de Galicia afastada tanto do ridículo Somos unha potencia como do patético Somos un choróns.

     Murado camiña, só aparentemente errático, pola historia de Galicia e conta o que ve a ras de chan. Non doutro xeito se pode entender que o personaxe que articula o libro non sexa Rosalía ou Castelao, aos que Murado perfila con gran sutileza psicolóxica, senón  “o heterodoxo” don Domingo Fontán, autor do primeiro mapa topográfico moderno de Galicia, tras percorrela só, a pé e a cabalo. Ese é o mérito de Murado. Dar a impresión que viviu persoalmente todas as épocas da historia dunha Galicia que nunca se lle ocorrería pintar sen engurras para facela máis fermosa.

     Este libro decepcionará a quen crea, con Hölderlin, que só os poetas poden fundar o permanente. E encantaralles a quen, con Wittgenstein, crean que todas as épocas da historia de Galicia son como os membros dunha mesma familia: parécense nalgún(s) trazo(s), pero non hai ningún común a todas elas. O feito diferencial de Galicia “é o resultado de moitos factores, dunha xeografía característica que na súa relación coa historia deu lugar en cada época a Galicias, pero todas elas só explicables a través de si mesma”. Será revelador recordar algúns deses factores: a xeografía separatista, as mellores vistas ao acaso que ao amencer, a omnipresencia de pequenos cursos de auga, os polisémicos celtas, a lingua que nace do latín escrito dos suevos, o pouco peso das cidades, o apóstolo, a parroquia, o millo e a pataca, o cabreo por pagar tributos, a emigración, o culto ao conseguidor…

Foto, César Quián. La voz de Galicia
Foto, César Quián. La Voz de Galicia

      Lendo este libro recordei, tanxencial pero significativamente, a Tony Judt (polo rigor tolerante do punto de vista), a Montaigne (pola capacidade de converter as anécdotas en categorías reflexivas e autocríticas), a Chesterton (pola habilidade para xerar paradoxos inmunes ao dogmatismo), a Julio Camba (polo humor, cruel e tenro ao mesmo tempo) e a Chaves Nogales (por ese distanciamento emocional e ecuánime imprescindible para acercarse á verosimilitude histórica).

     Que Miguel-Anxo Murado escriba en La Voz de Galicia na sección de Internacional é unha fuga de cerebros que non deberiamos permitir.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *