
Eme Cartea. En Loli Regueira a pintura acontece como expresión que invocase a totalidade efectiva, onde a fantasía combina e a imaxinación crea, segundo a poética fórmula de Edgar Poe. Neste lenzo do catálogo BarbantiaRte I, un acrílico sobre vinilo, en espello –que nos inclúe e reflicte–, asistimos á representación figurativa de tipo expresionista iniciada en James Ensor e Edvard Munch, na que dúas figuras, retratos transunto da artista, tratan de compartir un diálogo ensimesmado, sobre a vida e a arte, mais coa tensión dun acordo imposible. Empastes de cor, pinceladas soltas, longas, pastosas e áxiles, contrastadas nunha tempestade de cores primarias, secundarias e neutras, sabiamente harmonizadas, que definen e lle confiren volume ás siluetas.
Dous retratos en máscara, estereotipos da incomunicación, como un iconoclasmo á revelación da verdade; unha loita perenne entre o id, o ego e o superego da artista, a fin de inferir o exacto lugar onde estar e por onde seguir. Dous planos, dúas olladas, dúas figuras. A primeira, con perspectiva en altura, sen transición entre ficción e realidade, aparece iradamente tachada e como fuxindo do seu álter ego, que tentaría retela á desesperada.
Salientan esas enérxicas tachaduras sobre esta imaxe –un acto de cor espontánea– que violenta e liñas e formas, nun branco de muda friaxe. Tamén de pureza ou expiación que devolve a parcial superficie á pintura, talvez á procura do alento creador que ha interromper a ferruxe do tempo, e rememorar o poder doutras musas contra a catástrofe.
Símbolo de cuestionamento ou de reconstrución dos unívocos vínculos entre obra e autor, entre cadro e espectador. Un acto de rebelión e de compromiso individual, social e artístico. Riscar unha imaxe é abrir unha fiestra ao escuro –Francis Bacon dixit–, unha invocación a inminentes discursos e achados formais. É darlle misterio e polivalencia ao signo pictórico. Unha escapada orxiástica pola paixón creativa. Metáfora ardente e revelación de novas verdades poéticas.
Con ese xesto, inconsciente quizais, pero querido, Loli Regueira mutila os aneis entre obra e tempo, nun acto de afirmación e ruptura incesantes.
Sabemos que cada trazo dilúe as formas preexistentes no cadro. E contra eses propios estereotipos debe loitar o/a artista, confrontando a obra coas formas a priori inscritas no lenzo –e na súa mente–, e que se activan perante o pincel, de inmediato. Así, neste caso, hai negación ao inicio das formas herdadas, e tamén ao final. Unha opera aperta, actual, vangardista, exposta ás interrogantes que o gusto e a moda demanden.
Un silencio intrigado que nos habita. “O camiño na pintura” que nos anda.