Contos dun bebedor de éter, de Jean Lorrain

bebedor.previewRomán Arén. Son autores como Rachilde, Richepin, Villiers, Gourmont ou Jean Lorrain (1855-1906) os que explican moitas das novidades de Rubén Darío, quen non inclúe este autor en Los raros, as Sonatas de Valle, e os primeiros pasos literarios de Juan Ramón Jiménez. Decadencia, símbolo, satanismo, éter, como escribía Gautier, a decadencia non é máis que ese punto de madurez estrema que se dá nas civilizacións avelladas para crearen os seus soles oblicuos. Lorrain, de verdadeiro nome Paul Duval, é con Huysmans, Schwob, Mirbeau e Rémy de Gourmont, un dos representantes máis importantes do postnaturalismo francés, o que, en palabras do propio autor destes contos, se interesa polos “lirios velenosos, flores de sombra e tebra”. Nesa escura auga móvese Lorrain, “insepulto entre xuncos”. Amigo de Zutistes e de Hydropathes, os máis radicais entre os simbolistas, famoso por novelas “malditas” que aínda se len con moito interese, entre elas Monsieur de Bougrelon (1897), Monsieur de Phocas (1901), pola que sufriu un proceso de ultraxe á moral pública, e algunhas que circulan en español como O maleficio (2004) ou O bordel de Filiberto (2011), penso que destaca sobre todo como autor de contos, moi presente sempre nas antoloxías, con obras con Sonyeuse (1891) ou Buveurs d’âmes (1893), ademais dos Contos dun bebedor de éter, onde sorprenden “Un crimen desconocido”, “Los oficios de la máscara” e “La casa siniestra”.

Jean Lorrain, por Georges Goursat
Jean Lorrain, por Sem

Soño, misterio, éter, irrealidade, horror. Aldraxado polos seus contemporáneos, temido como xornalista, bo poeta en O sangue dos deuses (1882) ou A sombra ardente (1897), este toxicómano orgulloso séntese cómodo “a rebours” nas fosforescencias da descomposición. Prefiguración de Proust, tivo unha mala morte: apareceu desangrándose no baño o 28 de xuño de 1906 e faleceu dous días despois. Sen el non estaría completo o cadro do decadentismo nin se comprendería o Barón Charlus da Recherche. Abre outros horizontes, anunciados xa dende Poe, Gautier e Baudelaire.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *