Os diarios de Poll, de Chris Kraus

Los diarios de PollAntón Riveiro Coello. Hai cine que, por desgraza, nunca chega ás salas comerciais, como hai literatura que nunca chega aos andeis das librarías. Realmente é unha mágoa. Por sorte, Internet posibilita o acceso a películas que, malia percorreren con éxito distintos festivais, nunca se estrean nos poucos cines que quedan no país. Tal é o caso de Os diarios de Poll, terceira entrega do director alemán Chris Kraus (1963), que xa sorprendera con Catro minutos (2006), onde amosaba dotes para a dirección e unha técnica exquisita. Desta volta, Os diarios de Poll resulta unha película estrañamente fermosa, baseada nas memorias da poeta Oda Schaefer (1900-1988) cando, encetada a Primeira Guerra Mundial, visita a casa familiar en Estonia, unha sorte de palafita-mansión ben curiosa, que se ergue nas beiras do mar Báltico. Alí, nesa localidade estoniana, daquela pertencente ao imperio ruso, hai un curioso remexido de nobres de orixe alemá que descenden da Liga Hanseática, de militares rusos, que ocupan o país, e de estonianos, divididos entre os que aceptan a situación e os que forman parte da resistencia. Poll_ house 2E a este mundo tan confuso e diverso, chega Oda, unha rapaza de 14 anos, co cadaleito da súa nai morta, para visitar o seu pai, un científico marxinado, autoritario, racista, obsesionado coa euxénese e a disección de cadáveres. A partir de aí, Chris Kraus introdúcenos nese mundo cunha historia de amor imposible e constrúe unha metáfora perfecta dunha páxina concreta da historia europea (poida que nesta película, como acontece tamén en A fita branca de Michael Haneke, estean as mesmas raíces psicoxenéticas do nazismo), e lévanos por esa paisaxe melancólica, dura, por veces surrealista, da man de imaxes poderosísimas, como a desa muller que toca o violonchelo cun fondo de labaradas, ou as diferentes tomas aéreas desa casa alicerzada no mar cunha fermosura engaiolante. Sospeito que non é unha película perfecta, pero o despregue técnico é tan formidable, o lirismo e a atmosfera son tan fascinantes, as personaxes femininas están deseñadas con tanta perfección (atención a esta Paula Beer), que en todo momento tiven a sensación de asistir a un espectáculo hipnótico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *