The broken circle breakdown (Alabama Monroe), de Felix Van Groeningen

Alabama_Monroe-251491699-largeJ. Carou. De igual maneira que o feito supraordinario do namoramento queda excluído do ámbito da racionalidade, así a perda dun fillo excede calquera posibilidade real  de rehabilitación emocional. O amor acostuma  ser materia predilecta de demolición divina. Toda morte dun ser querido un acto de humillación extremo do sentido da vida humana. E nada máis sagrado para uns pais que o porvir, en sentido literal, dos seus fillos. Infindamente máis ca calquera divindade probábel. A existencia non pode ser outra cousa que devezo por construír, que desexo de amar. Fóra disto non hai dignidade, só aparencia. Algúns universos zumegan desgraza, como o da parella de namorados protagonistas do filme.    Un amor, o seu, no que flamexa a chama dobre do cariño e a da paixón. Unha esfera cristalina perfecta. Un gume de navalla que algún deus non foi quen, na súa magnanimidade suposta, de consentir. Rotundidade na demolición: a morte da súa única filla, unha nena de seis anos, concibida no instante eterno do vórtice amatorio.

   Didier toca o banjo nun grupo country. Elise ten unha tenda de tatuaxes. O deles foi amor a primeira vista nun encontro casual. Son de temperamentos distintos: el, necesitado da palabra e dos semellantes como da elocuencia que respira, fala e canta para sentirse no mundo;  ela, de espírito romántico,  leva tatuados nomes de antigos amantes, cubertos por outras tatuaxes percorrendo o pasado no seu corpo novo. Elise queda encinta. Deciden seguir adiante. Quérense. Nace Maybelle, unha nena que leva unha vida feliz xunto aos seus pais ata que cumpre seis anos e lle diagnostican un cancro.  Despois do padecemento físico e anímico de varias quimioterapias, a morte. Alumbramento e devastación. Como sobrelevar a desaparición  de Maybelle? Como seguir xuntos na desolación se Elise se conforta no simbolismo relixioso, na supersticións transmigratoria? Como non consumirse por separado se Didier se emborracha na proclama cientificista e atea, non cedendo ante calquera ocasión de culpar da perda da súa filla  ó veto de G.W. Bush á investigación con células nai embrionarias?  Sabemos todo o que vai suceder, non todo en realidade, desde o comezo da narración. Xogo de montaxe sincopado, de flashbacks e flashforwards continuos. A estrutura nace na sala de edición.

    broken 1O que máis pode estrañar de Alabama Monroe é a súa estética visual e sonora, inequivocamente emparentadas co (supos- tamente) actual cinema independente estadounidense. A consecución xustifica, para maior rabia dos haters, a pretensión do realizador belga. As deliciosas cancións bluegrass  compostas por Borj Eriksson e interpretadas pola propia parella de actores protagonistas configúranse como un acertadísimo elemento narrativo.  Pranto de almas alcanzadas pola traxedia.

     A cinta está entre as cinco finalistas ao óscar á mellor película de fala non inglesa.  Para acadalo tería que bater a formidábel e orxiástica desmesura artística de La grande belleza, do italiano Paolo Sorrentino.  Obtivo xa na berlinale o Premio do Público e en  Tribeca o de Mellor Guión e Mellor actriz.  Ademais  do Lux 2013, concedido polo Parlamento Europeo, e  do Cineeuropa compostelán ao film máis valorado polo público asistente ás proxeccións da Sección Oficial.

     The broken circle breakdown. Alabama Monroe.  2012. Bélxica.   Dirección: Felix Van Groeningen.   Guión:  Carl Joos, Felix Van Groeningen.    Intérpretes:  Veerle Baetens, Johan Heldenbergh, Nell Cattrysse, Geert Van Rampelberg, Nils De Caster, Robbie Cleiren, Bert huysentruyt, Jan Bijvoet.   Drama romántico.  112 min.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *