Ellis Island, de Georges Perec, en galego

perec portadaRomán Arén. Son as pequenas editoriais como Franouren as que nos ofrecen a miúdo os luxos que toda cultura debe ter. Sen desprezar a opinión dos que sosteñen que unha política axeitada de traducións ao galego debería facerse seguindo un plano polo miúdo, que evitaría as duplicidades ou traducións desacertadas, eu teño aprecio tamén polas iniciativas máis modestas que hoxe van tendo presenza entre nós. Creo que dan unha frescura, un gozo por perderse no barco, unha mirada ás marxes que enriquece o noso sistema literario, pero que, sobre todo, nos enriquece como lectores e como persoas. Georges Perec (1936-1982) é ben famoso como narrador, como autor de Les choses, traducida ao galego por Gonzalo Navaza, e por A vida, instrucións de uso, ou por O condottiero, como membro de Oulipo, mais foi tamén poeta. Eduardo Estévez (para cando un catálogo de traducións galegas?) anosa este Ellis Island, editado en francés en 1998, que naceu a raíz de teren filmado Perec e Robert Rober unhas reportaxes, en 1979, emitidas en 1980, sobre “Ellis Island, historias de errancia e esperanza”. O texto de Perec, ilustrado, editouse en 1980, e de novo en 1994 e 1995. Perec, xudeu que perdera a familia na Guerra Mundial, estaba sensibilizado para comprender o drama de tantos emigrantes que pasaran pola illa de Ellis, para facer fronte ao lugar da dispersión, da esperanza e das bágoas.

    Lembra Perec que de 1892 a 1924 houbo tres mil suicidios na illa e que nela só se rexeitou o 2% dos emigrados, pero que estes eran duascentas cincuenta mil persoas. Os que quedaban ían á esperanza e ao desarraigamento, á perda dos apelidos, a ter que ser xa outra cousa. Salmodia das orixes, dos barcos, para chegar a América “mais a maioría dos que, ao termo da súa/esgotadora viaxe, descubrían Manhattan/ emerxendo da bruma, sabían que a súa proba non/ estaba de todo rematada./ cumpríalles aínda pasar por Ellis Island,/esa illa que,/ en todas as linguas de Europa,/ apelidaban Illa das Bágoas…”.

     Pero Perec quere saber, ir máis alá:

Georges Perec. Foto: André Perlstein
Georges Perec. Foto: André Perlstein

“Como ir máis aló,/ ir detrás/ non deternos naquilo que se nos deixa ver/ non ver só iso que un xa sabe por adiantado/ que verá?”

     E neste intento de ir máis aló reside o intento de Perec: “lonxe de nós, no tempo e mais no espazo, este lugar/ fai parte para nós dunha memoria potencial, dunha autobiografía probábel/ nosos pais ou nosos avós poderían ter estado aquí…”.

     Ben o sabemos os galegos. Ellis Island tamén é nosa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *