Dúas fotógrafas de hoxe

Foto: Sara Miranda
Foto: Sara Miranda

Uxía Casal. Ignoro até que punto a súa arte é (re)coñecida, pero tanto me ten, porque son moi boas, cada unha ao seu xeito. Tanto Paula Gómez del Valle (www.flickr.com/photos/descalza/) co- mo Sara Miranda (www.wenlagris.com) fan fotografías do mundo que posúen un alento indescritible; Paula, se cadra, semella de primeiras máis espontánea, aínda que custe aceptar que a súa ollada sexa tan rápida e oportuna,

pero esa é a sensación que transmite; a segunda (quizais porque vexo con frecuencia no FB como prepara as sesións) parece minuciosa e detallista á hora de elaborar as súas pezas. Ambas as dúas comparten connosco a súa mirada e abofé que poden resultar inquietantes. Sorprendentes, suxestivas, emotivas, as dúas son donas da cámara e da técnica, das ideas e dos sentimentos, do saber facer. A Paula coñézoa desde hai anos e fun vendo como evolucionaba até converterse na gran fotógrafa que é hoxe; a Sara descubrina hai ano e pico no FB e axiña me atraeu o seu xeito de contar historias. Porque diso se trata, de que nos conten historias, a ser posible ben. Ningunha das dúas vive só da fotografía, pero as dúas senten unha gran paixón por crear escenarios e escenas que golpean os nosos ollos facendo que se abran de abraio e marabilla.

Paula Gómez del Valle
Foto: Paula Gómez del Valle

Paula ama o branco e negro e viceversa; non poucas veces pensei en Sebastiao Salgado ollando os seus contrastes de luces e sombras, a súa forza e delicadeza. Sara está indagando na fotografía analóxica e revelando a cor na súa propia casa nun afán (creo) por coñecer máis a fondo o medio; as súas historias sorprenden por inesperadas, ás veces duras, ás veces tenras, pero sempre chocantes.

Se poden e queren, visítenas. A viaxe paga a pena.

2 comentarios en “Dúas fotógrafas de hoxe

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *