A utilidade do inútil, de Nuccio Ordine

inutilidad-inutil-Nuccio-Ordine_AcantiladoX. Ricardo Losada. Recomendáronme este libro críticos nos que confío. Componse de numerosas citas de autores que admiro: Platón, Aristóteles, Petrarca, Montaigne, Shakespeare, Cervantes, Locke, Cioran, Foster Wallace… A coidada edición do libro (Acantilado) e as escasas 170 páxinas axudaron a convencerme de que ía ler unha pequena xoia. Decepción. Fíxoseme reiterativo. O autor manexa un único argumento, repetido en distintas épocas e escritores, para defender a utilidade inútil da cultura. Pode resumirse nestas fermosas palabras: “Entre tantas incertezas, só unha cousa é certa, se renunciamos á forza xeradora do inútil, se só escoitamos o mortífero canto das sereas que nos impele a perseguir o beneficio, só seremos quen de producir unha colectividade enferma e sen memoria que, extraviada, acabará por perder o sentido de si mesma e da vida”.

     Pero houbo outra razón. Cando rematei este libro, lin un artigo de Eduardo Arroyo no que analiza a lamentable situación da arte en España. Fai un exercicio de autocrítica, que debería ampliarse a outras burbullas (a inmobiliaria foi a locomotora dun tren con moitos vagóns, incluído o cultural), para concluír que a culpa non é do IVE, nin do goberno, nin da C.E., nin dos pintores de Altamira, senón, en primeiro lugar, dos propios artistas. Ordine escapa da autocrítica. Debería explicarnos por que o mundo da cultura carece da exemplariedade necesaria, pública e privada, que diría Platón, e Vox Populi confirma, para erixirse en inutilidade útil, máis aínda nos tempos que corren. Sen ese contrapeso, o libro convértese nese Manifesto (asinareino encantado, de todos xeitos) que o subtitula. O principio de autoridade non é un argumento, por moi loables que sexan os invocados.

     O gran acerto do libro é o extraordinario apéndice que Ordine engade para complementar a súa tese. Abraham Flexner, pedagogo norteamericano creador do Institute for Advanced Study de Princeton, explica a importancia para a ciencia natural do cultivo da pura e inútil curiosidade.

Nuccio Ordine ©ChDELORY
Nuccio Ordine ©ChDELORY

Propón que “canto menos se desvíen as institucións científicas por consideracións de utilidade inmediata, tanto máis probable será que contribúan ao benestar humano”. Pensar nas aplicacións prácticas limita a curiosidade e a creatividade. Foi bastante máis útil Maxwell, que calculou as ecuacións teóricas do electromagnetismo, só por curiosidade intelectual, que Marconi, inventor, a partir desas ecuacións, da radio.

     A miña tese é que, na cultura, Maxwell e Marconi non poden ser persoas distintas. E, o máis habitual, é que o sexan. Explicar por que, é unha tarefa urxente.


W3Counter

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *