Gonzalo Trasbach. DEFENSA DUNHA EXISTENCIA CALQUERA. Sociedade e barbarie (Melusina, 2012) é un libro case maldito. Pese aos grandes esforzos que realizou o seu autor, Ignacio Castro Rey (Santiago, 1952), por sacar adiante unha das súas criaturas máis queridas, pola paixón, amor e traballo que investiu nela, o volume case, ou así o parece, caeu na clandestinidade, perdido nos andeis das librerías ateigado de po. Talvez naceu xa eivado. Ferido de morte por cuestionar a un Karl Marx que segue a ser un santón entre nós. Pero tamén mangado por un prólogo no que o filósofo catalán Miguel Morey naufragou ou encallou ao negarse a navegar polas esixentes páxinas do libro.
Amén de desatar os nos clave do ideario marxista, o texto non consiste nun axuste de contas co autor do Manifesto comunista. Castro traballa como se xa fose un clásico. Escarva no presente. E nesa obsesiva tarefa atopa que, fronte ao fracaso político, o marxismo triunfou no eido sociocultural e contribúe a solidificar o actual turbocapitalismo. Confirma así que a presenza de Marx no imaxinario occidental está arraigada a través do mito da revolución e do progreso histórico, indiscutibles para nós.
Porén o noso tempo no está bloqueado pola ausencia de revolución, como se di tantas veces, senón, ao contrario, está afogado pola omnipresencia da pulsión “revolucionaria”: na publicidade, no mercado, na especulación científica, na comunicación e no vertixinoso cambio das tecnoloxías. Cambio este que nos protexe de pensar qué permanece, en que fatalidade común –sempre distinta- agroma a liberdade do ser humano.
Semella, pois, que temos perdido a nosa capacidade de nos determos. E esta impotencia espiritual para o repouso, combustible dun capitalismo imparable, non deixou de ser blindada polo pensamento de Marx, cuxa doutrina sempre tivo a virtude sentimental de arrouparse coa sorte dos explotados. Pero é esta incapacidade espiritual, este temor a quedar “á marxe”, a que afundiu o humanismo de esquerdas.
Que se ataca entonces e sobre todo en Sociedade e barbarie? O fetichismo da mercadoría chamada Sociedade, toda esta socioloxía, teórica e informativa, que hoxe en día vai por diante de toda experiencia, interferindo no peso de existir, no risco da cada xeito de vida. E fustriga os recortes de liberdade individual nas democracias occidentais, no nome dunha economía que conserva o prestixio do neutral porque goberna a nosa neutralización, unha silenciosa expropiación da épica de vivir. Tamén denuncia o novo racismo da interactividade, esta profunda alianza da esquerda e da dereita “desenvolvidas” en manter o noso integrismo do baleiro, un horizonte adelgazado e luminoso fronte ao cal os outros sempre son atrasados, tiránicos, escurantistas, totalitarios…
Sociedade e barbarie, en cambio, lévase ben coa noción kantiana dunha autonomía radical en cada ser humano e por iso defende un porvir que xa está aquí, á vez que denuncia a aparición dunha negatividade na cultura eurocéntrica, unha atrofia vital equivalente ao que sería “fame” ou “inseguridade” nas zonas que consideramos atrasadas, case todo o mundo, menos esas dez nacións escollidas e separadas, que viven de costas ao seu propio fondo popular.