Funambulistas, de Mercedes Leobalde

funambulistasAntón Riveiro Coello. Hai uns días falaba aquí dun libro de microrrelatos de Núñez Singala do que gustara moito, aínda que non fora ningunha sorpresa porque xa lle lera outras cousas interesantes e sabía dos seus dotes para a escrita. Mais onte, logo de mercar algúns libros, entre os que estaba o que hoxe comento aquí, fun a unha terraza e, como o libro contén textos breves, enceteino mentres bebía unha cervexa e xa non o deixei até as dúas da madrugada, que foi cando o rematei. Foi unha fermosa descuberta e o máis sorprendente é que se trata do primeiro libro de narrativa da autora, Mercedes Leobalde (A Coruña, 1967). Funambulista  foi merecente do Premio de Narrativa Curta Ánxel Fole e, desta volta, con moito acerto, publícao Xerais na súa colección de narrativa. Non me cabe a menor dúbida de que esta obra terá un percorrido de éxito entre o público lector porque estamos diante dun texto fresco e ben orixinal que está á altura da nosa mellor narrativa curta. Son vinte e cinco textos curtos, moitos deles circunscritos ao que entendemos por microrrelato, escritos os máis deles en primeira persoa, con voces cribles que nos falan da fraxilidade do ser humano diante de situacións límite. Mercedes-Leobalde2A dor, a violencia machista, a inmigración, a maternidade prematura ou o suicidio son algúns dos temas destes relatos suxestivos, sometidos por un equilibrio e unha ironía que deixa pouso e nos obriga a reflexionar cando chegamos ao remate de cadansúa historia. A autora é quen de lles dar a estas metáforas da vida a aparencia de algo grande e, o máis importante, sábelles poñer o ramo con humor e orixinalidade. Déanlle unha oportunidade a este libro, senten nunha terraza e verán que curto se lle fai o día. Paga a pena.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *