En el Mapa. De cómo el mundo adquirió su aspecto, de Simon Garfield

simon portadaPedro García Vidal.Aínda que na actualidade a palabra mapa é para a maioría de nós sinónimo de ferramenta para non perderse, porén tamén é certo que a representación da superficie da Terra segue a fascinarnos. Os mapas, indispensables para a exploración, cruciais para o exército, esenciais para a planificación e o poder, son tamén o noso instrumento para visualizar as relacións entre o ser humano e o territorio. Partindo da premisa de que os mapas “conteñen a clave do que nos fai humanos”, o xornalista e escritor Simon Garfiel (Londres, 1960), vai desvelándonos, por medio de diferentes historias arredor de mapas emblemáticos, a propia historia da cartografía (e de nós mesmos). O libro, sen pretender ser unha clase de historia, tenta un percorrido pola historia dos mapas; porén, non estamos ante un estudo exhaustivo sobre a cartografía nin unha obra académica. Trátase máis ben dunha exposición con guía incluído que, con certas doses de ironía, nos transporta por diferentes épocas cara aos Atlas, mapas e globos terráqueos que máis nos axudaron a comprender o mundo.

simon Mapa de PtolomeoQuizais pola súa profesión de xornalista, Garfield sabe resaltar sempre a narrativa dos mapas e a súa capacidade de contar historias, tal como el mesmo fai. Así, dende o sinxelo debuxo de Anaximandro do século VI a.C. que representa a terra coma un disco plano rodeado de auga, o autor lévanos ata a visión de Google Maps, que facilita coñecer calquera lugar do planeta dende o sofá da casa. Entremedias, aparecen figuras como Ptolomeo (150 a.C.) co seu mapa que marca o primeiro momento de esplendor da cartografía, onde por vez primeira aparecen trazados paralelos e meridianos; Mercator, co seu “Mappa Mundi” de 1569, trazado coa proxección que se emprega na actualidade para representar un mundo redondo sobre unha superficie plana; ou o mapa de Waldseemüller, onde por primeira vez se atopa a palabra América e se atribúe o descubrimento deste continente a Américo Vespucio. Ao mesmo tempo destácase tamén a importancia que na actualidade ten Google Maps “por ser o mapa máis usado, o máis preciso e o máis accesible”; así como a importancia do mapa do metro de Londres, “por ser un dos  máis copiados”.

Simon-GarfieldPero no libro non só se aborda a importancia do mapa segundo a súa relevancia histórica ou utilidade, senón que resulta de interese ler como Garfield destaca tamén outros mapas máis curiosos como a Guía Michelín (1900), que marca o inicio dos mapas gastronómicos; ou o mapa epidemiolóxico de Londres feito por Snow en 1853, que para o autor representa “un grande avance” nos mapas urbanos e abre unha época de “saneamento das cidades”.

Recoñecendo como Garfield que a cartografía dixital representa un “emocionante futuro”,  coincido plenamente con el con que “non hai nada como o despregue dun gran libro dos mapas para obter un verdadeiro sentido de onde un está no mundo”.

En resume, unha ledicia de libro, cheo de coñecementos incribles sobre os mapas e todo o relacionado con eles.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *