Cortinas

ventana1Antón Riveiro Coello. María pasaba horas enteiras mirando aquel matrimonio que non usaba cortinas. A súa vida era coma un programa aberto de televisión. Tiñan as súas rutinas e María afíxose a elas. Non perdía detalle. Sabía das quendas para cociñaren, das horas de ida e volta ao traballo, dos momentos axeitados para o amor, dos tempos dos seus sonos… Chegou a coñecer tanto aquela intimidade que, por veces, xa se sentía parte desa familia. Mais un día o home desapareceu e María vía que a muller, triste, pasaba menos tempo na casa e adoitaba chorar a fío no cuarto, no salón ou na cociña. Había noites que a muller tampouco volvía durmir á casa. María abriu varias sospeitas, desbotando, iso si, unha separación traumática porque vía que se levaban e non tiña a percepción de os ver rifar endexamais. E non se equivocou porque, ao cabo dun par de semanas, o home volveu á casa, co aspecto desmellorado, totalmente calvo. Estaba enfermo e comezou a pasar os máis dos días encamado, coa muller sempre cabo del, coidándoo con agarimo. A súa doenza debía de ser moi grave porque un día deron en chegar persoas, talvez amigos que, individualmente, quedaban un tempo con el. ventana15María entendeu que aquilo era unha despedida. E sentiu a necesidade de o facer ela tamén. Sabía que era unha tolería, aparecer alí, de súpeto, para expresar un pesar que descubriría a súa vixilancia. Pero ela non era unha descoñecida. Tíñano que entender. Despois de todo, ela era coma da familia. E, empurrada por esa idea, baixou as escaleiras e cruzou a rúa. Mais, cando estaba diante da porta dos veciños de enfronte, un acceso de xuízo termou dela e obrigouna a recuar. Arrepentida, volveu á súa casa e estivo a se laiar pola súa covardía. Como non tiña con quen compartir a súa mágoa, chamou de noite á radio, a ese programa dos insomnes, e alí contou a súa triste historia. Ese desafogo axudouna a pegar no sono e ficou máis tranquila. O malo foi que ao día seguinte, mentres se espreguizaba e se achegaba á fiestra, puido ver a muller subida nunha escaleira colocando as cortinas.

2 comentarios en “Cortinas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *