Gonzalo Trasbach. Segundo conta a lenda, logo de recibir o Booker Prize pola súa novela G, John Berger (Inglaterra, 1926) deu a metade do premio (5.000 libras da época) aos Panteras Negras, e investiu a outra metade nun proxecto a medias co fotógrafo Jean Mohr (Suiza, 1925). De aí xurdiu Un sétimo home (Capitán Swing), un traballo que antes de converterse en libro quixo ser película, pero que por falta de recursos acabou nun volume cuxos capítulos preséntanse coma as secuencias dunha cinta. Segundo o poeta húngaro Attila Jozsef (1905-1937), os sufrimentos do home sempre se multiplican por sete (abrirse camiño na vida, loitar pola existencia, atopar muller e mesmo morrer…). Un deses homes (o sétimo), anónimo, proletario, ecuménico, é o que Berger e Mohr evocan neste libro escrito entre 1973 e 1974 e publicado en 1975, e que na súa orixe tivo un propósito político: “demostrar ata que punto a economía das nacións ricas de Europa pasara a depender na década de 1960 da man de obra de varias nacións máis pobres” (páx. 10).
Estamos a falar dun libro de intres, dunha sorte de álbum familiar do emigrante cuxo tema central é a carencia de liberdade. Fala, pois, dunha viaxe sen retorno, dun drama psíquico. Relátanos a experiencia na que se interna o emigrante convertido nun desprazado sen fogar, nun desprazado no espazo e no tempo. Dividido en tres partes (a partida, o traballo, o retorno), o volume amosa múltiples voces para darnos referencias de lugares , condicións, pero non nomes, coma se cada emigrante fose todos os emigrantes, e ao revés.
Malia os anos que transcorreron dende a súa publicación, a actual reedición de Capitán Swing parece moi axeitada e apropiada para este noso tempo no que moitos de entre nós tiveron que volver emigrar para atoparen un traballo que aquí nin había nin hai por moito que se aireen certos cantos de serea. John Berger, que seguramente é un descoñecido para o gran público, é tamén un dos pensadores británicos máis influentes dos últimos 50 anos. Din que na súa obra (novelas, guións, poesía, crítica de arte) hai dúas constantes: o traballo artístico e intelectual entendido como un proceso de indagación, e a urxencia do momento. Neste sentido, ten confesado en varias ocasións que o seu tema primordial, aquel que o persegue coma a súa sombra, é a experiencia da emigración, no seu sentido máis amplo. Exilio e emigración: o seu único tema, a súa obsesión ártica.
A vontade de Berger ten raíz spinoziana. Busca borrar as fronteiras entre o físico e o espiritual. Ensinar ou amosar que o home (entendido no sentido xenérico) non é só forza de traballo, senón tamén un ser sensíbel, con desexos e soños. E isto é o que alenta o seu fervor narrativo, de evidente natureza pictórica.