Atracción

atracccAntón Riveiro Coello. Mesmo antes de entrar no local, Suso xa escoitara o xordo rumor da súa voz provocadora e, ao baixar os banzos aveludados, viuna alí, soa, musgando o colorido feroz dos seus ollos mutantes, afroitados. Lento de insomnio, acomodouse na barra e apenas reparou nos dous homes que, nunha somnámbula cacería, disputaban os amores remunerados dunha prostituta. A preocupación de Suso estaba nesoutra presenza que lle daba interese á noite e que o arreitaba coa estratexia da súa voz urticante, solitaria, timbrada dunha resonancia enredante. Estremecido de luxuria, Suso pediu un whisky e buscouna coa ollada envolta nun alcohólico desexo. Fervíalle o corpo e a súa felicidade borracha esfarelábase coma un soño cada vez que ela, con esa disciplina automática, cuspía na noite fosforescencias verbais que traficaban coa esperanza e acentuaban o desexo. O camareiro serviulle o whisky e mirouno aos ollos, consciente de que estaba a mirar o mesmo pecador solitario de todas as noites. Suso pensou en María e nas nenas, pero el xa non daba conta de si e víase empurrado cara a aquela presenza ruidosa que termaba da súa vontade.atrac Suso avanzou con solemnidade: os ombreiros disciplinados, o paso firme, ergueito; o lume ardendo na ollada rabiosa, encarnada. E cando estivo cabo dela, acariñou o aceiro da súa pel e ela calou ao tacto mineral daquelas mans temerosas que agora escarvaban no pantalón até daren co último instrumento do seu pecado, un instrumento que Suso introducía cunha delicadeza angustiosa na regaña. E, outra volta, confirmábase o fracaso cotián de Suso que abandonaba o local escravo da música da máquina comecartos que inventaba opulencias co estrépito da súa voz aparatosa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *