Viaxeiros de preguerra

biobiblioRomán Arén. Carlos García-Romeral Pérez é un dos grandes especialistas hispánicos en literatura de viaxes, e produto diso son as súas bibliografías de viaxeiros dos séculos XVIII, XIX e XX publicadas en Ollero&Ramos. Teño hoxe na man a Bio-bibliografía de viajeros españoles (199-1936), que inclúe obras de viaxeiros de preguerra en todas as linguas do Estado, con 1137 libros ou artigos desa temática, e na que están presentes, naturalmente, uns cantos galegos: R. Artaza, Julio Camba, Sofía Casanova, Alvaro de las Casas, Emilio Fernández Vaamonde, Ramón Franco, Miguel Gil Casares, Prudencia Iglesias Hermida, Otero Pedrayo, Federico Pita Espelosin, Jaime Quiroga, Rey Soto e algún outro. Pero a obra ten moito interese para Galicia, porque aporta o nome e a obra de varios viaxeiros por Galicia: Domingo Villar Grangel (Cartas sobre Galicia, 1914), Amaro Fernández Pardo de Cela (Por tierras de Hispania: del Landrove al Aconcagua, 1932), José García Mercadal (Entre el Tajo y el Minño, 1923), Francisco Grandmontagne (Galicia y Navarra: paisajes de España, 1922) ou Daniel Martínez Ferrando (A través de Galicia, 1923). Vai sendo tempo de facer un catálogo completo de viaxeiros galegos (por Galicia e polo mundo), aínda que xa contamos con estudos de interese sobre libros de viaxes, libros difíciles de clasificar xenericamente porque están a medio camiño entre “a literatura do eu” (se non fose así, serían monografías), o ensaio e a literatura etnográfica.

bio2Como non podía deixar de ocorrer, hai ausencias na obra, algunhas ben significativas, como é o caso de Vicente Risco e o seu Mitteleuropa (1934), Isidoro Bugallal Araújo (Suiza española. Paseando por Galicia, 1903), J. Costa Figueiras (En tierras del Plata, 1921), Francisco Romero Blanco (A través de España, 1917), Adelardo Novo (De La Habana a Sevilla por los aires, 1930), Alfredo Lorenzo López (Mi viaje a roma, 1925), por citar só nomes galegos.

En lingua galega son pouco numerosos os libros de viaxes até fins do século XX, pero aínda así a nosa literatura conta con nomes importantes neste eido (Otero Pedrayo, Castelao, risco, Fernández del Riego, Xavier Alcalá ou Riveiro Coello, por citar algúns). Pero en lingua castelá son bastantes os galegos viaxeiros que nos deixaron libros importantes: Fernández Flórez (La conquista del horixonte, 1932), Rey Soto (Estampas guatemaltecas, 1929), Sofía Casanova (Sobre el Volga helado, 1903, en ton narrativo), Julio Camba (Alemania, 1916; Londres, 1916; La rana viajera, 1920; Un año en el otro mundo, 1927), Camilo José Cela (Viaje a la Alcarria, Del Miño al Bidasoa),  Ramón González-Alegre, Cunqueiro, Castroviejo… Unha literatura para gozar, e á que este catálogo pode aportar moitas suxestións interesantes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *