Miguel Mariño. Cando pensamos no “policial” italiano, sexan cales sexan as características exactas deste xénero narrativo, pensamos, sobre todo, en Andrea Camillieri, o máis famosos nestes anos, pero hai, e houbo, máis vida no policial italiano, xénero que nese país coñecen como “giallo” pola cor da colección policial da editorial Mondadori de Milán, da colección pasou ao xénero, un xénero moi desprezado pola crítica “seria” até ben entrados os anos sesenta, se excluímos a Recupito e Santucci e o artigo precursos de Sorani en <Pegaso> en 1930, que estudaba o xénero a partir de Conan Doyle. Tivo que chegar un crítico académico, especialista na novela picaresca española e bo lector de Chandler, Alberto del monte, que publicará en Bari a súa Breve storia del romanzo poliziesco, axiña traducida por Florentino Pérez para Taurus, en 1962. Un interesante e breve estudo das orixes do xénero e do seu desenvolvemento até os 60, que logra, máis ou menos, atopar as fontes na novela-folletón francesa (xa estudado en 1847 por Nettement!) e na “sensation novel” e delimitar as súas estremas, entre a novela de “aventuras policiais” de esquema “fuga-persecución”, da novela “de espías” e doutros subxéneros próximos. Pero del Monte, con resaibo “sensacionalista”, despreza a narrativa policial italiana, por moi servil dos modelos estranxeiros, ás veces con “pésimas imitacións de modelos americanos”, e pouco máis que cita a Valeri Pignatelli, Giannini, Varaldo, De Stefani, D’Errico, Sanocita, Spagnol, Pitta, De Angelis, Mariotti, Gemingnani, Natoli e media ducia máis. Uns seguen o modelo Simenon (psicoloxismo, ambiente), outros arrímanse máis á chamada, mal, “novela negra” (que tamén se aplica á novela gótica”).
Poucas son as editoriais españolas que non teñen no catálogo novela policial. De todos os estilos (até históricas, e boas) e de todas as nacionalidades, con moita preferencia polos nórdicos (suecos, noruegueses, daneses e até das Feroe) e os dos países do leste. Lense gregos (Markaris), alemáns, británicos, hispanoamericanos, galegos, pero poucos portugueses e italianos.
A benemérita editorial Akal, que tanto fixo pola cultura galega, ten tamén policial, moi barata, na súa colección música de peto. E nela lévolle lidas varias policiais a Giorgio Scerbanenco (1911-1969), italiano nado en Keiv e gañador do Prix de la Littérature Policière. Máis próximo a Simenon pola boa captación de ambientes, sen carga social evidente, crea un detective americano, Arthur Jilling, tímido, intelixente e pouco fanático. Ten, Scerbanenco, un toque “bizarro” (como, salvando as distancias, a Vargas) polo gusto polos ambientes “raros”, “sórdidos”, fóra do común e o mellor exemplo é L’antro dei filosofi, que Weller traduce en español como “cueva”, pero é mellor “antro”. Unha familia de moralistas que vive moi austeramente, ve desaparecer a unha dos seus membros, que logo aparece morta. Scerbanenco foxe do thriller, da emoción do “suspense”, pero logra atraer o lector pola sutileza e o método intuitivo do detective. Os puristas queixaranse dicindo que falta “lóxica dedutiva”, pero o “produto” é bo.