Auxilio

auxilioAntón Riveiro Coello. Foron a súa muller e os fillos os que teimaron no chalé daquela urbanización que, segundo se queixaban todos os veciños, fora desvalixada máis dunha vez. Só este chalé que eles mercaban endexamais sufrira ningún roubo e iso que os carteis de alarma e o de coidado co can eran de mentira. El, que na súa propia familia non tiña precisamente sona de valente —a súa muller é a que se encargaba de valer os fillos cando estes vían algunha araña, avéspora ou lagarto nas paredes do chalé—, todas as noites miraba de que as fiestras e as contras da planta baixa estivesen ben pechadas. Calquera ruído facíalle temer o peor. Moitas noites el espertaba de madrugada e debuxaba presencias co paso felino dun gato no xardín, os ladros afastados dun can ou o canto misterioso dunha curuxa. Estaba tan obsesionado co roubo que, finalmente, unha calorosa noite de San Lourenzo, escoitou o estrondo de cristais na planta baixa, coma se escachasen as fiestras, e houbo de lle saír o corazón do peito non só polo medo senón tamén porque se decatou de que os móbiles estaban a se cargar abaixo, na cociña. A súa muller espertou alarmada e viu como a súa filla entraba no cuarto arrepiada. El levou o dedo índice aos beizos e despois saíu espido á terraza do cuarto, coma se se quixese agachar dos ladróns. Elas, que sabían dos seus medos, non se podían imaxinar que, chegado o caso, el sería tan covarde como para as abandonar alí, na cama, e odiárono sen saber aínda que diaños facía.funeral De alí a un pouco, elas, abrazadas a unha á outra dentro das sabas, escoitaron, horrorizadas, pasos no tellado e coutaron das súas respiracións.

Ao mesmo tempo, na planta baixa, o fillo de dezanove anos, que estaba a trousar o fígado polo escusado e tiña sangue no brazo dereito logo de tropezar e caer de fociños coa lámpada de pé da entrada, creu ouvir berros procedentes do exterior e saíu, con moitos atrancos, ao xardín. A palabra que escoitaba tiña unha reincidencia histérica e a voz resultoulle tan familiar que intentou localizar o lugar exacto de onde viña. Como estaba moi afectado e a cabeza lle daba voltas, tardou en fixar a ollada naquel home que estaba no alto do tellado, en coiros, abrazado á antena e berrando coma un poseso. Parecía un cataventos de carne. Por un momento, mesmo xuraría que era o seu pai, mais pechou os ollos e volveu á casa coa firme promesa de que non volvería probar esa droga. Era moi perigosa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *