Galicia e os galegos na poesía castelá XX. Cansinos-Assens.

cansnosRomán Arén. Foi un dos escritores máis lembrados, entre os españois, por Borges. Un gran escritor secreto, pouco reeditado ata hai ben pouco. Nacera en Sevilla en 1883, foi crítico fundamental na preguerra española e cría ser xudeu, ou quizais o fose. Falo de Cansinos, narrador, importante tradutor, formado no Modernismo pero que foi peza esencia das primeiras vangardas españolas, que logo caricaturizou en El movimiento V.P. (1921), que significou a súa separación do Ultraísmo. Non poden obviarse os ensaios agrupados en La nueva literatura (1925-1927) nin La novela de un literato, as súas memorias. Tratou a moitos escritores galegos, colaborou na revista luguesa <Ronsel> e foi autor dun só libro poético, (poemas en prosa), publicado en 1916, El candelabro de los siete brazos. Faleceu en Madrid, derrotado e esquecido, en 1964. En <A Nosa Terra> apareceu a prosa poética “Canto a Galizia” (nº 134, 15-02-1921), en tradución galega de Evaristo Correa Calderón. Longo poema salmódico, prosa baseada nas repeticións e no ritmo, selecciono só dous fragmentos:

-“Te maxinamos, ouh, Galizia lonxana! que non es a nosa nai, cando contempramos na noite o camiño de Santiago o teu patrón, e cando, com’agora, na serán de festa, ollamos os teus fillos camiñar erguendo unha poeira que semella unha vía láctea…”.

-“Te amamos, ouh, Galizia lonxana! pol’a tua alma chea de morriña inda na felicidade; pol-a tua gaita que chora tan craro io teu tambor que repinica tan forte; pol-os teus bermellos refaixos e os loitos pretos; pol-os teus longos berros d’unha ledicia que camiña e s’alonxa. Te amamos, ouh, Galizia!”.

Este amigo de Tristan Tzara e Borges, de Gerardo Diego, de Juan Larrea e de Guillermo de Torre, controlou varias revistas importantes para o ultraísmo (<Los Quijotes>, <Cervantes>, <Grecia>), nas que colaboran varios galegos: Xavier Bóveda, Eugenio Montes e Vicente Risco.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *