Galicia e os galegos na poesía castelá XI. Juan de Mena

menaRomán Arén. Non sei se os lectores comúns de hoxe coma min, somos capaces de valorar a grande importancia que ten na poesía castelá Juan de Mena (1410-1455), o autor do Laberinto de fortuna, obra capital na literatura española do pre-Renacemento como Las soledades de Góngora o son para o Barroco. O prexuízo antigalego na literatura castelá é cousa, sobre todo, do século XVII e dende aí chegará aos nosos días. Antes da unificación do estado español non existen prexuízos lingüísticos. Existen prexuízos étnicos e políticos, pero non se manifestan case na escrita. As referencias a Galicia antes do século XII son case inexistentes e até o XVI abundan pouco. O peso da lírica pasou do galego ao castelán dende 1350 e só fóra do noso territorio hai alusións no “Poema de Almería” (s.XII, en latín), nalgúns viaxeiros e en Santillana e Mena. Este último aludirá a Galicia no seu Laberinto de Fortuna na súa descrición das provincias de España:

Vi las provinçias de España e poniente: la de Tarragona, la de Çeltiberia, la menor Cartago, que fue la d’Esperia, con los rincones de todo Oçidente; mostróse Vandalia, la bien paresciente, e toda la tierra de Lusitania, la brava Galiçia con la Tingitania, donde se cría feroçe la gente.

Cito pola edición de Carla de Nigris para Crítica (1994). Xesús Caramés cre que esa forma de bravura e ferocidade a tomou Mena de Silio Itálico, o autor dos Punica, que veu á Península no 68 da nosa era.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *