X. Ricardo Losada. Hai tempo lin que os cazadores se gaban de ser moi respectuosos cos animais porque nunca os matan por sorpresa, danlles a oportunidade de escapar correndo (caso dun coello) ou voando (caso dunha perdiz). Despois souben que de respecto, nada. A razón, como eu sospeitaba, é moito máis prosaica. A carne dun animal sabe mellor se morre en pleno esforzo muscular que se morre en repouso, xa que os músculos conteñen unha substancia chamada ácido sarcolástico, que se xera en moita maior cantidade no primeiro caso. Acordeime desa curiosidade discutindo o outro día cun amigo sobre como fundamentar a moral. El sostiña que non hai ningunha razón obxectiva para ser boa persoa e que é evidente que, para a supervivencia, única preocupación real dos animais, e os humanos somos animais, é mellor ser un cabrón que un santo. Acabou citando a famosa frase de Dostoievski: Se non existise Deus, todo estaría permitido, e, como el era ateo, e só cría na teoría da evolución, e a teoría da evolución non ten sentido moral, consideraba absurdo, pois é o camiño máis curto para ser un perdedor, vivir con valores. Nin nesta vida nin na outra nos van premiar por comportarnos ben. A Ética, como a Relixión, inventouse para os parvos.
Non me parece ningunha estupidez o que dixo o meu amigo. Ao contrario. É parte da verdade, pero, pola conta que me ten, négome a crer que sexa toda a verdade. Son profesor de Ética e síntome obrigado a defenderme, tanto por dignidade profesional como para alertar dese holocausto dos valores morais (léase neoliberalismo) que está en marcha, e que só pode levarnos a unha guerra de todos contra todos. E a situación é tan grave, e estou tan farto de buscar argumentos filosóficos que ninguén valora, que esta vez recorrín aos científicos naturais pois, ao parecer, son os únicos con prestixio. Invoquei unha frase do xenetista Haldane que, como sempre é mal citada, eu non fun menos: “As bacterias son os seres vivos que máis quere Deus pois son os máis numerosos, os que máis tempo levan na terra e os que máis vivirán, xa que incluso sobrevivirían a unha catástrofe nuclear”, e relacioneina coa explicación da caza con criterio gastronómico que contei un pouco máis arriba, para chegar á conclusión de que me comportaba ben porque estou convencido que a miña carne de animal honrado halle gustar máis ás bacterias que descomporán o meu corpo tras a morte que a carne de animal inmoral do meu amigo. E esa preocupación polas bacterias, concluín todo cheo, hana valorar tanto Deus (Haldane dixit) como Darwin, pois é evidente que a selección natural favoreceunas.
Sei que se me foi un pouco a ola, pero, aínda así, agardaba que o meu amigo me preguntase que sustancia segregaban os músculos honrados que non segregasen os músculos inmorais, pero non perdeu o seu valioso tempo no que, de seguro, consideraba filosofadas. Nin tomou o argumento en serio nin a chanza. Tomouno coa indiferenza coa que toman todo o que non é rendible estes tipos, tan competitivos e ególatras. Pois que lles aproveite ás bacterias, díxome feliz de poder amolalas, eu vou incinerarme.