Antón Riveiro Coello. Martín hai tempo que vén aturando esa tiranía profesional e, nunha arroutada inesperada, estoupa de súpeto e, diante da sorpresa dos seus compañeiros, abandona violentamente a oficina. Camiña desnortado e non comprende a ollada descarada da xente, o abraio desa muller, a boca aberta do neno, os freos do coche mordendo as rodas, a vella apuntando co revólver do seu dedo, o mendigo eivado que vira o seu rostro anguloso e parece facer o esforzo de fuxir. Camiña Martín, grávido de dúbidas, consciente de que é el o que inspira un medo que medra nos rostros coma un andazo. Non entende nada e devece por saber a raíz dese desconcerto que provoca. Mesmo comezan a se erguer algunhas voces timbradas de pánico e son moitos os que dan en correr diante da súa presenza. Agora Martín corre tamén, desnortado polos berros e os acenos histéricos da xente. En pouco tempo, a cidade está convulsionada polo terror e el corre, suorento, cara ao seu piso.
Cando chega ao portal, sobe os banzos e, agoniado, chama á porta con teimosía, pero os berros arrepiados da súa muller suplícanlle que marche. Mesmo nota como ela pasa o seguro da porta para que el non poida abrir coa chave. Martín non entende nada e, temeroso, decide ver o seu rostro no ascensor. Cando repara na imaxe reflectida no espello, algo se lle revira por dentro e desata unha furia insospeitada que o bota de novo á rúa e o obriga a correr en dirección ao bosque para agachar o animal que tiña dentro de si.