Lúa en Brasil, de Bruno Barreto

floresXerardo AgraFoxo. Esta película conta a historia da poeta norteamericana Elizabeth Bishop (Miranda Otto) que en novembro do ano 1951 chegou a Brasil, onde a esperaba súa amante Mary Morse (Tracy Middendorf), para realizar unha escala de quince días camiño de Sudáfrica. Pero os plans previstos viraron de súpeto cando coñece a Lota Macedo Soares (Gloria Pires), unha recoñecida arquitecta brasileira –futura deseñadora do Parque Flamengo– coa que vivirá en Río de Xaneiro os seguintes quince anos da súa vida. A través das coidadas imaxes de Bruno Barreto (Dona Flor e os seus maridos, 1976) e as soberbias interpretacións das dúas actrices principais, coñecemos as reviravoltas dun conmovedor triángulo amoroso, onde a depresión e o alcohol ameazan a súa estabilidade.

Elizabeth Bishop gañaría no ano 1956 o Premio Pulitzer coa súa obra Norte e Sur, converteríase nunha autoridade no mundo académico americano e como icona das poetas lesbianas daquel tempo, continuaría as súas relacións sentimentais con outras mulleres, como a mantida con Alice Methfessel, herdeira dos seus dereitos literarios á morte da poeta –no ano 1979– en Boston. lua2Por outra parte,  Lota Macedo de Soares, logo de seguir a súa amante ata Estados Unidos, suicidaríase no ano 1967 cunha sobredose de tranquilizantes.

Lúa de Brasil ou Flores raras (2013) de Bruno Barreto é unha excelente oportunidade para coñecermos a paixón amorosa entres estas dúas mulleres, ás veces fráxiles, outras, mordaces, e tamén a vida da burguesía máis acomodada de Brasil cando os militares estaban á espreita: co golpe de estado de 1964 gobernarían o país durante os seguintes 21 anos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *