Román Arén. Un amigo benévolo, que le algunha das miñas divagacións, pregunta se tamén están os galegos no Cantar do Cid, o comezo da poesía castelá, o gran poema épico. É, claro está, unha pregunta irónica, pero é algo máis ca unha pregunta irónica ou retórica, é unha pregunta política. Ben sabida é a arela dun galego, un gran galego, o filólogo Menéndez Pidal, por querer levar o manuscrito do Cantar do Cid ao século XII, xa que logo algo anterior á poesía Trobadoresca, o que lle daría a primoxenitura sobre todas as literaturas hispánicas, é dicir, é a poesía castelá a máis antiga, a nai de todas as literaturas hispánicas. De xeito máis evidente: nacionalismo español (liberal) fronte a nacionalismos periféricos. Por iso Menéndez Pidal data o poema arredor de 1140 e cre que Per Abbat é só un copista do século XIII. Pero non o cren así varios hispanistas anglosaxóns, que datan o poema entre 1201 e 1207 (Ian Michael). O manuscrito copiouse en 1596 do arquivo de Vivar e Pellicer corrixiu a lectura en 1792.
Pero ao meu amigo esquecéronlle as lecturas escolares, porque está Galicia e están os galegos no Poema do Cid. Non unha, senón tres veces:
Rey es de Castiella e rrey es de León/de las Asturias bien a San Çalvador,/fasta dentro en Sancti Yaguo de todo es señor,/e llos condes gallizianos a él tienen por señor.
Noutros versos (2977-8):
Enbía sus cartas para León e a Sancti Yaguo,/a los portogaleses e a galizianos…/
E de novo no verso 2579:
En Gallizia e en Castiella e en León…
Por certo, véxase a forma “Gallizia” para a discusión sobre se “Galicia” é castelanismo…
Na Idade Media aínda non hai connotacións negativas para Galicia, iso chegará no Século de Ouro. Un exemplo de Quevedo, do poema “Los borrachos”:
Gobernando están el mundo/cogidos con queso añejo/en la trampa de lo caro/tres gabachos y un gallego.
E seguirá o prexuízo no século XVIII, e se non védeo nun exemplo de Ramón de la Cruz en “El deseo de las seguidillas” (cito pola edición de 1996 de Sala Valldura):
¡Por siempre sea alabado/el que mata los gallegos!
O sentido é figurado, “gallegos” está, por metonimia, no lugar de “piojos”, xa que eramos nós tan pobres e pouca cousa, sempre en oficios humildes coma os piollos.