O Establishment

establ 1Gonzalo Trasbach. Logo de obter un éxito internacional con Chavs (Capitán Swing, 2012), Owen Jones (Sheffield, Inglaterra, 1984) volve ás librerías coa escopeta cargada cunha fina e penetrante munición. Se na anterior obra escarvaba na herdanza política e cultural do tacherismo, en O Establishment (Seix Barral, 2015) dispara sen piedade, con furia e rabia contra o novo réxime urdido na Gran Bretaña pola Dama de Ferro na década dos oitenta e apuntalado máis tarde polos sucesivos gobernos dende entón até agora, fosen laboristas ou conservadores. Nesta andaina de 471 páxinas Jones supera cun infatigable e constante esforzo os atrancos que lle saen ao camiño para artillar un formidábel estudo da historia política de U.K. despois da Segunda Guerra.

Que é a clase dirixente? Quen pertence a esta caste? E por que están a derrubar os piares da vella democracia británica só coa fin de defender os intereses duns poucos fronte aos da inmensa maioría dos cidadáns? Son estes algúns dos interrogantes aos que intenta dar resposta o mozo periodista inglés.

Mais no seu traballo de longo alento non aposta por unha liña simple e maniqueísta, o típico e clásico enfrontamento entre bos e malos. Non, mergullase até o fondo das enlodadas augas da complexa dicotomía establishment/resto dos cidadáns. Analiza con perspicacia a dupla economía da elite/economía dos “matados” (o resto dos mortais), pero non o fai para caer na compracente e sobada división esquerda-dereita. Vai moito máis aló, mesmo moito máis aló do que entre nós se ten nomeado e entendido como “a caste”.

En realidade centra o seu traballo de campo en descubrir os vimbios cos que está entrelazada a alianza que se foi fraguando entre políticos, empresarios, financeiros, propietarios dos medios de comunicación, directores de periódicos e mesmo periodistas de moita sona…, todos os cales teñen intereses comúns e un único claro e ben definido obxectivo: conservar e soster a toda costa o réxime actual.A demonstrator dressed in a Rupert Murdo O establishment está agora representado ou, mellor dito, configurado por unha serie de institucións e ideas que lexitiman e protexen a concentración da riqueza e do poder nunhas poucas mans. Pero aquí, Jones non nos relata unha historia de viláns, verdugos e vítimas, senón que nos amosa un sistema formado por unha tupida rede de conexións, relacións e presións que non pode ser reducida a un político ou un magnate, a unha cara ou a un apelido.

Falamos dun ente tecido por ricos, poderosos e magnates que dun xeito ou outro se teñen infiltrado nas institucións políticas para poñelas ao seu servizo. Jones segue cada un dos fíos do pano para facer un exhaustivo diagnóstico da enfermidade que azouta o corpo democrático, corpo que pensa que aínda hai menciñas para curalo: a democracia británica. Moitos e variados son os aspectos que abrangue este esforzado e longo percorrido. Algúns deles son moi interesantes para nós. Se o len, xa verán o que seguramente lle agarda ao noso servizo público de saúde e mesmo o que lle pode pasar en pouco tempo ao noso sistema de pensións, e mesmo aos nosos vellos e tamén aos que algún día o serán. Deus nos protexa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *