A casa das miniaturas, de Jessie Burton

miniaturasXerardo AgraFoxo. Esta novela ten como protagonista a Petronella Oortman, Nella, unha humilde moza que no outono de 1686 casa con Johannes Brandt, un maduro e rico comerciante de Ámsterdam. Cando ela se instala no arrabalde de Herengracht, a parte máis nobre da capital holandesa, cun paxariño que traslada nunha gaiola, el recíbea cun agasallo propio da xente máis clasista: un moble que semella unha réplica da súa casa en miniatura. A presenza na mansión de Marin, a irmá solteira de Johannes, e dous enigmáticos criados, Cornelia e Otto, mergullarán a Nella nun territorio áspero, nun mundo onde os usos e costumes son diferentes aos que ela trae dende o seu fogar materno.

A casa das miniaturas (2015), que garda certa relación coa A moza da perla e tamén con Rebeca, Jane Eyre e mesmo coas novelas feministas de Sarah Waters, naceu dunha visita que fixo Jessie Burton (Londres, 1982) á sala do Rijksmusseum dedicada ás casas de bonecas, na que ocupaba un lugar salientable a que inspirou a súa obra. miniaturas2Unha novela onde o sexo, a hipocrisía, a corrupción e a cobiza son os elementos dun nobelo que ofrece unha imaxe real da vida de Ámsterdam a finais do século XVII, cando o enfrontamento entre as luces e as sombras, entre o rigorismo dos gremios calvinistas e a ollada inocente de Petronella, marcan os arrepiantes conflitos que sofren os personaxes destas páxinas.

 A novela recibiu o Premio National Book Award (2014) e, segundo conta a editorial nunha lapela, leva vendidos máis de 100 mil exemplares en Reino Unido e acaba de traducirse a 34 idiomas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *