El amigo del desierto, de Pablo d´Ors

amigodesiertoXerardo AgraFoxo. “Grazas á contraportada dun libro souben que residía en Brno un home que dedicara boa parte da súa vida a viaxar por moitos desertos do planeta”. Así comeza esta novela curta, onde Pavel, un cidadán checo cunha longa traxectoria académica, contacta cunha curiosa asociación chamada “Amigos do Deserto” para cumprir a súa teima de perderse por terras ermas. E consegue viaxar ao Sáhara marroquí, onde sofre unha profunda decepción porque se atopa “cun país sucio, hostil e con xentes pouco hospitalarias”. Volve abatido ao seu apartamento de Kromériz, pero engaiolado polas imaxes que tirou na súa aventura africana; sente nostalxia polos espazos baldeiros e decide facer outra viaxe. Neste caso, ao deserto alxeriano onde se deixa seducir por unha moza enigmática –“rosa, lila ou azul”–  e “as areas dese deserto que, segundo a Enciclopedia Británica, son as máis finas de todas as existentes no Sáhara”. Autor - Pablo d'OrsCando regresa, comeza a preparar a terceira viaxe, desta vez en solitario, para coñecer “á muller dos meus soños” e despois perderse pola rexión de Beni Abbés, onde pretende atopar novas experiencias.

Así é o argumento de O Amigo do deserto –Relato dunha vocación–, unha peza de tan só 120 páxinas nas que o autor –Pablo d´Ors (Madrid, 1963), conselleiro cultural do Vaticano–, cun estilo sobrio e pulcro, ateigado de fermosas imaxes e referencias sobre a busca da identidade, ofrece unha sentida homenaxe a Charles de Foucauld e Antoine de Saint-Exupéry, dous viaxeiros impenitentes na procura da “luz” e o “silencio”nos territorios máis ignotos do planeta Terra.

Un comentario en “El amigo del desierto, de Pablo d´Ors

  1. Vin o deserto en Marrocos e Tunez, tamén en Exipto, Siria e Perú. Estiven contigo nos campamentos saharauís do Sahel arxelino. Agardaba xa que logo sentilo outra volta en “El amigo del desierto”; pecibir a soidade, esa busca da identidade por parte do protagonista. Porén, como Pavel ao chegar a Marrocos, só atopei frustración: a de avanzar páxina tras páxina sen acadar o ansiado por un texto artificioso, de cartón-pedra, lendo a palabra deserto unha e outra vez pero sen dalo atopado por ningures.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *