Román Arén. En 1994 editou a Xunta de Galicia un volume de poesía, titulado Galicia. Sonetos y otros poemas, dun “tal” Evaristo Ribera Chevremont, e como é normal nestes casos, todos, eu incluído, optamos polo silencio. Alí andaba un pobre libro desprezado e a rolos pola biblioteca do centro de ensino no que traballo. A ignorancia é atrevida e suficiente. Ao cabo de anos varios, decidinme a lelo e pareceume un bo libro dun bo poeta, clasicista e de doada lectura. E a partir desa lectura a destempo, acode á miña memoria o vago recordo de telo lido nalgunha antoloxía. Como non uso a rede, Internet, para estas cousas, decidín fatigarme na miña biblioteca e nas que me eran máis próximas. Ribera de Chevremont nacera en Porto Rico en 1896, de pai galego, e foi poeta importante, que comezou no Posmodernismo e que viviu en España nos anos vinte, onde entrou en contacto co ultraísmo e co verso libre, como se ve en libros como La copa del Hebe (1922), Tú, mar, yo y ella (1946) e El hondero lanzó su piedra, e foi influxo importante no “xirandulismo” (1924-1925) portorriqueño. Pero foi tamén poeta clasicista, neoclásico ás veces, en Los almendros del paseo de Covadonga (1928) ou Verbo (1947). Autor de obra extensa, iniciada á sombra de Darío con El templo de los alabastros (1919), outros dos seus títulos son Pajarera (1929), Inefable orilla (1961) e Río volcado (1968). Faleceu en 1976. Da súa poesía dedicada a Galicia, escollín este soneto:
No eres niebla y orballo, no eres fría./Eres chispazo en rojo en el gallego,/Eres chispazo en rojo, en rojo fuego./Y haces de fuego la melancolía./Es con mi padre que hasta ti yo llego./Y soy gallego en ti cuando hago mía,/La canción dada en ti por Rosalía./Y a lo que ella sangra yo me entrego./Oigo sonar tu mágico instrumento./En él tda Galicia da su acento./Su mujer, que es mujer, puede ser diosa./Tierra hermana te veo en lo lejano,/y te rindo con fe de pecho a mano,/de Borinquen que es tuya blanca rosa.