Janis: Little Girl Blue

Janis 1-Sheet final.inddGonzalo Trasbach. Todo apunta na dirección de que este ano sexa nomeado coma o dedicado aos documentais sobre a vida e a traxectoria artística dos chamados “malditos” do rock e do pop. Desde que arrancou o 2015 xa sabemos de dous: un sobre Amy Winehouse e outro sobre Kurt Cobain. Hai uns días, na Mostra de Venecia, a directora e produtora norteamericana Amy Berg presentou fóra de concurso Janis: Little Girl Blue, unha travesía de 100 minutos que afronta a complexa odisea de Janis Joplin, unha moza talentosa, pero con tendencias autodestrutivas, inxenua, ambiciosa e insegura. En suma, unha artista extrema na súas formas vitais e na súa arte que ten en común con Winehouse e Cobain que os tres morreron aos 27 anos.

Janis Joplin (Texas, 19/1/1943, Los Ángeles, 4/10/1970), outra das mulleres que forman parte da miña Caligrafía sonora feminina, coma unha das grandes divas do blues e do rock, artillou na súa curta existencia unha carreira tan intensa coma turbadora. Pese a todo, conseguiu converterse nun símbolo feminino da contracultura e do rock cando a década dos 60 declinaba. Pero ademais nunha marea artística de apenas tres anos deixou un formidable legado: publicáronse 28 discos póstumos, entre eles 20 recompilatorios, 7 de concertos e un álbum de estudo (Pearl foi lanzado en 1971, seis meses despois do seu falecemento).

janis2Quince días máis tarde que Jimmy Hendrix, e no mesmo ano que Jim Morrison, a chamada reina branca do blues morría, coas veas rebentadas, na soidade do seu hotel en Hollywood. Bastoulle con só un ano, do verán do 66 ao do 67, para que se transformase nunha estrela. Saltou á fama no festival de Monterrey, cando aínda non tiña gravado un disco. Destacou pola súa voz poderosa macerada en caña, e pola súa intensidade e pola paixón que puña no seu xeito de interpretar. Deste feito dan boa conta cancións coma Summertime ou Cry Baby. Deixounos orfos o 4 de outubro de 1970 nunha madrugada na que caeu derrotada ante a heroína logo de ter vivido do mesmo xeito que cantaba, visceralmente, ao límite.

Amy Berg, a directora californiana, é coñecida por filmes como Líbranos do mal (2006), West of Memphis (2012), Every Secret Thing (2014) e An Open Secret (20014). En Venecia explicou que necesitou sete anos para ordenar e estudar o material que logrou reunir sobre unha Janis Joplin que rozaba o ceo cando estaba no escenario e cando baixaba del afundíase no inferno.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *